A súa carreira como numismático estivo vinculada á American Numismatic Society (ANS), entidade na que ingresou en 1909 e de cuxo museo foi nomeado conservador o 25 de xaneiro de 1913, posto no que permaneceu ata o seu falecemento en 1938.[3] No seu período como conservador da ANS, a colección da Sociedade creceu desde os 50.000 exemplares iniciais ata os 200.000 espécimes.[2]
Na American Numismatic Society desenvolveu, así mesmo, o labor de editor do American Journal of Numismatics, entre 1910 e 1920, e editor de Numismatic Notes and Monographs a partir de 1920.[2][3]
Paralelamente á ANS, Howland Wood pertenceu tamén á American Numismatic Association, da que ocupou o posto de secretario entre 1905 e 1909, e cabeza da xunta de goberno de 1909 a 1912, así como editor asociado do xornal The Numismatist.[2][3]
Entre outras entidades numismáticas, Wood foi tamén secretario da Sociedade Numismática de Boston (1908-1913), presidente do Club Numismático de Nova York (1930-1933).[3]
Vida familiar
Howland Wood casou o 18 de xuño de 1913 con Elizabeth Eliot Marvin, con quen tivo dúas fillas. A súa muller era filla de William T. R. Marvin, que anteriormente fora tamén editor do American Journal of Numismatics, da ANS.[3]
Wood faleceu na súa casa familiar de Flushing, Queens, Nova York, o 4 de xaneiro de 1938.[3]
Premio Howland Wood Memorial
A American Numismatic Association instituíu na súa honra, na primavera de 1952, o premio Howland Wood Memorial á mellor exposición numismática.[4]