O Hospital Hijas de Galicia, tamén coñecido despois como Hospital Materno Infantil Diez de Octubre[1] e Hospital Universitario Ginecobstétrico Diez de Octubre[2], é un hospital da Habana fundado en 1924 pola Asociación Hijas de Galicia(Hijas de Galicia, Sociedad Sanitaria y de Auxilio Mutuo), para dar cobertura sanitaria ás mulleres galegas emigradas a Cuba en situación de precariedade.
En 1959 o Hospital foi confiscado polo castrismo e continuou prestando os seus servizos. Localizado no barrio de Luyanó, ofrece atención xinecolóxica, obstétrica e pediátrica aos municipios Diez de Octubre e San Miguel del Padrón e docencia de pre e posgrao, sendo centro de referencia nacional en cancro cérvico uterino.[3]
Historia
Antecedentes
A historia deste hospital esta ligada ás consecuencias de emigración galega de finais do século XIX e principios do XX. Na década dos 90, o historiador Julio Cesar González Pagés atopou documentación relacionada con Hijas de Galicia e a súa investigación e posterior publicación foron claves para coñecer a verdadeira historia desta institución.[4][5]
Entre 1880 e 1930, fóronse a América medio millón de galegos. As mulleres supoñían apenas un 20% do total, pois os países de acollida buscaban principalmente man de obra barata masculina. A partir da crise mundial do ano 1929, a porcentaxe de mulleres emigrantes subiu ata ou 40 ou 45%.[6] Máis de 60.000 mulleres sen recursos de Galicia embarcáronse na aventura dun futuro próspero, a miúdo co apoio das súas familias, para contribuír á mellora da economía familiar. Eran mulleres que viaxaban soas ou con nenos pequenos, de escasa ou nula formación, co paradigma común da pobreza. A miúdo precedían a noivos e familiares que xa embarcaran con anterioridade cara a Cuba. Algunhas xa no propio barco, outras ao chegar a porto, eran captadas por familiares ou noivos "protectores" que xeralmente as seducían para abandonalas logo. Outras traballaban de criadas e eran explotadas ata caer en desgraza. Así adoitaba ser ou método para ser prostituídas en redes organizadas de trata de brancas.[7] Cando enfermaban non tiñan acceso aos centros de saúde e moitas delas morrían de sífilis.[8]
Unha iniciativa promovida por un grupo de activistas feministas, constituíu o 12 de xuño de 1912 a sociedade Solidaridad Pontevedresa para tentar paliar a situación das súas compatriotas menos favorecidas, como contrapartida ao entón poderoso Centro Gallego de La Habana que só prestaba asistencia sanitaria aos homes. O 18 de xaneiro de 1917, Solidaridad Pontevedresa transformouse en Hijas de Galicia, Sociedade Sanitaria e de Auxilio Mutuo.[8][4][7]
Sanatorio Concepción Arenal
Durante 12 anos esta Asociación gañou integrantes e diñeiro, o que lle permitiu que en 1924 poideran comprar un terreo e levar a cabo un proxecto de adquisición dunha clínica, situada nas alturas de Luyanó, na cal puidesen ser asistidas as Hijas de Galicia. A proposta de Andrea López Chao, o Sanatorio levou o nome Concepción Arenal.
Desde a súa inauguración contou co persoal médico para atender á muller, á nai, ao neno e ao recentemente nado. Creáronse unha serie de estratexias e dous anos despois determinaron que era necesario construír dous pavillóns máis. En setembro de 1927 aprobouse a construción doutros dous pavillóns e o cercado da parcela que ocupaba o sanatorio.[9]
O Hospital tiña 6 pavillóns de dúas plantas, 10 salas de especialidades e unha flotilla de 6 coches para traslados. Facía consultas a domicilio e traballaban nel 19 médicos, 9 enfermeiras, 26 axudantes e administrativos. Atendía a 206 asociadas e menores ao día e entregaba medicamentos gratis. Debido á alta demanda decidiron ampliar con novas edificacións e o proxecto culminou en 1957, cando quedou constituída a súa última estrutura. En 1958 inaugurouse o pavillón de oito plantas que albergou a Maternidade e o Fogar-Albergue.[10]
A súa localización no barrio habanero de Luyanó converteu a zona na Nova Galicia, xa que dun lado atopábase o Hospital La Benéfica para homes, pertencente ao Centro Gallego, e do outro lado o Hijos de Galicia para mulleres.[11]
Cambio de titularidade e evolución
En 1959 foi confiscado polo castrismo e, a pesar de que Asociación desapareceu, o hospital continuou. Aínda que atende unha comunidade máis heteroxénea, que inclúe aos de nacionaldade cubana, parte da poboación que se consulta ou traballa nel, se non é galega de primeira xeración, si o é por descendencia.[11]Mesmo que a súa denominación cambiou varias veces (Hospital Materno Infantil Diez de Octubre, Hospital Universitario Ginecobstétrico Diez de Octubre) segue sendo coñecido popularmente como Hijas de Galicia[2]. Na súa última remodelación mantivo as iniciais HG (Hijas de Galicia) como logotipo.
Actividade
Despois de 1959 pasou a ser Hospital materno-infantil. Contaba con 324 camas e chegou a ser a segunda maternidade do país, un dos de maior número de nacementos a nivel nacional e o de maior cantidade de nacementos da capital. Converteuse nun centro docente, onde se impartiu docencia de pre e posgrao e onde se graduaron médicos cubanos e doutros países de América Latina, tamén especialistas de Xinecobstetricia, Pediatría e Neonatoloxía.
En 2012 o hospital deixou de ser materno-infantil e pasou a ser xinecobstétrico. A partir dese momento mantén esta serie de condicións, con máis de 30 investigacións e ensaios clínicos convidos con centros do polo científico. Ademais, foi sede de mestrías en atención integral á muller e atención integral ao neno.[9]
O 12 de outubro de 2019, o Hospital celebrou os 95 anos de historia. Como parte das actividades pola data, desenvolveuse a XXVII Xornada Científica Materna Dez de Outubro 2019. O encontro incluíu un amplo programa con conferencias maxistrais, de temas libres e mesas redondas sobre a situación actual das Arbovirosis; a repercusión do Dengue na saúde materno prenatal; o labor do persoal sanitario para mellorar a saúde das embarazadas, en especial das causas máis importantes de agravamento e a mortalidade, achega das ciencias técnicas e os medios diagnósticos.[2]
En xaneiro de 2019 foi moi prexudicado co paso dun tornado que azotou A Habana, sufrindo danos na súa estrutura, rotura e perda da marquetería de aluminio, perda do 90% dos ventanais, da cristalería; afectáronse as cubertas, perdeuse a rede hidrosanitaria e hidráulica; dunha dotación de 74 tanques, afectouse máis do 80% e tamén os canos.[12] Recibiu medios e material xinecobstétrico do Fondo de Poboación das Nacións Unidas[13]e posteriormente obtivo a condición de Proeza Laboral polos labores de recuperación despois do paso do tornado.[2]
Recoñecementos
Na orde científica é un Centro de Referencia na Habana para o menor de 1500 gramos; Centro de Referencia Nacional na Capacitación en Lactación Materna, Nutrición na muller e Patoloxía cérvico uterino. É o primeiro hospital do país en poñer en funcionamento un Banco de leite humano, e o único da capital, sendo Centro de Referencia Internacional neste tema. Tamén recibiu o Premio Anual de Saúde, Premios Nacionais ao Innovador, numerosos recoñecementos en Foro de Ciencia e técnica a nivel nacional.
Ten premios vinculados ao desenvolvemento das investigacións a nivel do Instituto Superior de Ciencias Médicas da Habana; na ANIR, desde o ano 1993, destacado a nivel provincial e nacional; ten ratificada a condición 8 de Outubro, máximo recoñecemento outorgado por esta asociación. O centro foi seleccionado para participar na Primeira Conferencia do Sindicato da Saúde e a Primeira e Segunda da ANIR.[9]