A hipótese do bufón da corte é unha hipótese evolutiva cuxo nome foi acuñado polo profesor da Universidade de California, Berkeley Anthony D. Barnosky en 1999, que describe a antítese da hipótese da Raíña Vermella na teoría evolutiva. Presenta a idea de que as maiores forzas impulsoras que están detrás dos procesos da evolución que producen a especiación son as forzas abióticas como o clima, en vez das forzas bióticas de competición entre especies (que é o que sostén a hipótese da Raíña Vermella) .
A "hipótese da Raíña Vermella" é unha hipótese presentada e bautizada así por Leigh Van Valen en 1973,[1] facendo referencia ao personaxe da Raíña Vermella do libro Alicia do outro lado do espello de Lewis Carroll. Fai referencia a que na evolución se produce unha carreira de armamentos nos desenvolvementos evolutivos dunha especie e contra-desenvolvementos doutra, que fai que ambas as especies que coevolucionan se teñan que adaptar mutuamente. Por exemplo, se un depredador se fai máis veloz, a súa presa ten que facerse tamén máis veloz e viceversa. Discutiuse sobre a forza coa que se ve impulsada a evolución á escala da especiación por estas competicións entre especies, e sobre canto se ve impulsada desta maneira en vez de polos factores abióticos como cambios climáticos, choques de meteoritos, pero non había unha metáfora axeitada que captase esta segunda alternativa ata que Anthony Barnosky acuñou unha. O termo que Barnosky elixiu en 1999 foi "hipótese do bufón da corte" (Court Jester hypothesis) en alusión á hipótese da Raíña Vermella.[2]
Nun artigo publicado en 2001 sobre este asunto,[3] Barnosky usa o termo sen facer unha cita sobre a súa orixe, suxerindo que foi el o único que o acuñou. Outros autores como Westfall e Millar atribúenlle a el a autoría do termo (citando o mencionado artigo de 2001) nun artigo que eles escribiron en 2004.[4] Michael Benton tamén lle atribúe a autoría da frase a Barnosky.[1]
Desde 2001, moitos investigadores da evolución, como Tracy Aze,[5] Anthony Barnosky, Michael J. Benton,[1] Douglas Erwin,[6] Thomas Ezard,[5] Sergey Gravilets,[7] J.B.C. Jackson,[6] Paul N. Pearson,[5] Andy Purvis,[5] Robert D. Westfall,[4] e Constance I. Millar[4] empezaron a usar o termo "hipótese do bufón da corte" para describir a idea de que a evolución a unha macroescala é impulsada principalmente por factores abióticos en vez de polos factores bióticos como a competición sinalados na hipótese da Raíña Vermella.
A hipótese do bufón da corte está construída baseándose na teoría do equilibrio interrompido (ou puntuado) de Stephen Gould (1972),[8] xa que proporciona un mecanismo primario para ela.[3] O artigo de 2001 de Barnosky aprópiase para o bando do bufón da corte das seguintes teorías: a hipótese da estabilidade de Stenseth e Maynard Smith (1984), a teoría do hábitat de Vrba (1992), a hipótese do pulso de recambio de Vrba (Turn-over pulse hypothesis, 1985), a hipótese do semáforo de Vrba, o Modelo de relevos (1995), os niveis do tempo (Tiers of Time, 1985) de Gould, as teorías de Statis coordinada (Coordinated Statis, 1995) de Brett e Baird, e a do Desequilibrio coevolutivo de Graham e Lundelius (1984).[9]
O artigo de Barnosky de 2001 [3] explica o significado da hipótese do bufón da corte, e descríbe o debate así:
A hipótese da Raíña Vermella (centrada na evolución das interaccións bióticas) e a do bufón da corte (centrada na evolución por factores abióticos como as perturbacións do ambiente estocásticas) inflúen ambas nos cambios coevolutivos da interacción hóspede-parasito.[11] O propio Barnosky recoñece no artigo de 2001[3] que a hipótese do bufón da corte non é necesariamente inconsistente coa hipótese da Raíña Vermella, e di: