Henrique Peón Mosteiro, ou Quique Peón, nado na Coruña o 1 de novembro de 1963, é un bailador, investigador e divulgador do folclore tradicional galego.
Traxectoria
Iniciouse na música e no baile tradicional galego con só 14 anos, no ano 1978. Naquela data formou, canda outras persoas ligadas ao mundo do folclore da Coruña, a Asociación Cultural Xacarandaina. O grupo creouse con directores e bailes procedentes dos Coros e Danzasfranquistas. Cando no 1982 Quique Peón asumiu o cargo de director artístico, viuse na necesidade de diferenciar o repertorio da agrupación, pois os coros de danzas continuaban existindo.[1][2]
Comezou daquela, un intenso labor de recollas de novos materiais polo rural galego. Estes traballos de campo, comezados naquel altura, continúan a día de hoxe e, froito dos mesmos, o seu arquivo persoal e o de Xacarandaina, atesouran unha gran cantidade de bailes e melodías, moitas aínda inéditas.[3]
As músicas e bailes recuperados foron adaptados e levados aos escenarios por Quique Peón e Xacarandaina, ao longo dos anos, en actuacións por todo o mundo.[4] Con el creáronse tamén unha serie de grandes espectáculos etnográficos: Costumes e saberes dun pobo, Unha viaxe por noutrora, Ribeirana, Atruto, Dengue, Camiño do Sul, Galicien Amerika Line, Patrimonio Inmaterial.[5]
No ano 2007 iniciou un achegamento ao mundo da danza contemporánea, colaborando co Centro Coreográfico Galego na obra O Kiosco das almas perdidas.[6] No ano seguinte formou a súa propia compañía: Quique Peón Cía, coa que produciu diferentes obras nas que mestura o baile tradicional e a danza moderna: Ovay (2008), Aléndacroa (2010), Seisdecatro (2011), Amizade (2012) e O Poder do Arcabuz (2016), este último xunto a Xacarandaina.[5]
Noutra faceta artística formou no 2013, xunto a Xurxo Fernandes, o grupo musical Radio Cos co que publicou dous traballos discográficos: Radio Cos (2013) e Pasatempo (2016).[7]