O seu verdadeiro nome era Elda Furry. Os seus pais eran David e Margaret Furry, ambos os dous cuáqueros. Os seus irmáns eran Dora Furry (nada en marzo de 1880); Sherman Furry (nado en xuño de 1882); Cameron Furry (setembro de 1887); Edgar Furry (20 de abril de 1889-novembro de 1975); Frank M. Furry (agosto de 1891); e Margaret Furry (xullo de 1897).
A familia mudouse á próxima Altoona, Pensilvania, cando Elda tiña tres anos de idade. O seu pai posuía unha carnizaría. Ela finalmente viaxou a Nova York e empezou a súa carreira actuando en coros teatrais de Broadway. Hopper non tivo éxito nesta aventura, chegando a ser despedida polos famosos irmáns Shubert. Así mesmo, Florenz Ziegfeld criticou a aspirante a artista. Tras uns anos conseguiu entrar na compañía teatral de DeWolf Hopper. Así, permaneceu no coro e viaxou coa compañía por todo o país. Co tempo quixo actuar no canto de participar unicamente como membro do coro. Tivo coñecemento de que Edgar Selwyn buscaba actores para facer unha xira coa súa obra The Country Boy, polo que se presentou ás probas. Conseguiu un papel e ela viaxou coa compañía durante 35 semanas.
Durante o verán estudou canto e no outono viaxou con The Quaker Girl no segundo papel. O show finalizou en Albany, Nova York.
Carreira
Hopper empezou a actuar no cine mudo en 1915. O seu debut foi co filme Battle of Hearts (1916). Traballou en máis de 120 títulos nos seguintes 23 anos, habitualmente interpretando distinguidas damas da alta sociedade.
Cando a súa carreira cinematográfica declinou a mediados da década de 1930, Hopper buscou outras fontes de ingresos. En 1937 recibiu unha oferta para redactar unha columna xornalística de crónica de sociedade. A súa columna, chamada "Hedda Hopper's Hollywood", debutou en Los Angeles Times o 14 de febreiro de 1938.[3] Tras anos de loitar como actriz, finalmente atopou o seu posto. Bautizou a casa que adquiriu en Beverly Hills (California), como "The House That Fear Built (A casa que edificou o medo)." Nesta ocupación tivo unha contenda notoria con Louella Parsons, xornalista de longa traxectoria na especialidade. Hopper e Parsons rivalizaron polo título de "Raíña de Hollywood", aínda que quen as coñeceron afirmaban que Hopper era a máis sádica.
Coñecida polos seus comentarios e entrevistas ás estrelas cinematográficas, Hopper debutou como presentadora do seu propio programa radiofónico, The Hedda Hopper Show, estreado o 6 de novembro de 1939. Patrocinado por Sunkist Growers, Incorporated, emitiuse na cadea CBS tres veces por semana até outubro de 1942. Entre outubro de 1944 e setembro de 1945 foi patrocinado por Treet e emitido unha vez á semana. O 10 de setembro de 1945 trasladouse á cadea ABC, aínda baixo patrocinio de Treet, radiando unha emisión semanal até xuño de 1946. Hopper volveu a CBS o 5 de outubro de 1946 cun programa semanal de 15 minutos de duración chamado This Is Hollywood, e patrocinado por Procter & Gamble. A súa última emisión foi o 28 de xuño de 1947.
Na NBC presentou un programa de variedades de 30 minutos, The Hedda Hopper Show, emitido desde o 14 de outubro de 1950 até o 20 de maio de 1951, Neste programa combinábase a música, a conversa e os extractos dramatizados de películas con invitados famosos, tales como Broderick Crawford facendo unha escena de All the King's Men.
Hopper tamén fixo breves actuacións no último tramo da súa carreira, incluíndo breves cameos nos filmes Sunset Blvd. (1950) e The Patsy (1964), así como en episodios de I Love Lucy e The Beverly Hillbillies. Escribiu unha autobiografía, From Under My Hat (Doubleday, 1952), e o título The Whole Truth and Nothing But (1963), tamén publicado por Doubleday.
Hopper seguiu escribindo até a súa morte, producindo seis columnas diarias e unha dominical para o Chicago Tribune, así como incontables artigos para revistas de celebridades tales como Photoplay.
Vida persoal
Hopper casou o 8 de maio de 1913 con DeWolf Hopper en Nova Jersey. Tiveron un fillo, o actor William Hopper, coñecido por interpretar a Paul Drake na serie Perry Mason.[7] A parella divorciouse en 1922.[8]
Hopper faleceu por mor dunha pneumonía no Hospital Cedars of Lebanon, en Hollywood. Tiña 75 anos de idade. Está enterrada no cemiterio Rose Hill de Altoona, Pensilvania.[7]
Pola súa contribución á industria cinematográfica ten unha estrela no paseo da fama de Hollywood, no 6313 1/2 de Hollywood Boulevard.