Harold e Maude |
---|
Ficha técnica |
---|
Na rede |
---|
|
Harold e Maude (en inglés Harold and Maude) é un filme clásico de culto dirixido por Hal Ashby en 1971, protagonizado por Ruth Gordon e Bud Cort, e con banda sonora de Cat Stevens. O filme, un drama existencialista, con pinceladas de comedia bufa e humor negro, céntrase nas vivencias de Harold, un rapaz neurótico de gustos mórbidos que intenta liberarse da vida que a súa nai, emocionalmente fría, lle quere impoñer ó tempo que se namora da septuaxenaria Maude.
A película correspóndese co número 45 da lista dos 100 filmes máis divertidos do American Film Institute,[1] e co número 42 dos filmes máis divertidos de Bravo e da lista dos 250 mellores filmes da lista da IMDb. En 1997, foi seleccionada para ser preservada polo National Film Registry da Biblioteca do Congreso.[2]
É notable, en particular, por ter un moi amplo grupo de seguidores que a teñen como “película de culto”. Foi considerada por moitos críticos como parte integrante das creacións artísticas da contracultura americana dos setenta.
O filme foi un fracaso comercial que recibiu críticas mixtas de moi diferente signo cando foi estreada. O guión no que se baseou a longametraxe foi escrito por Colin Higgins, sendo publicado o mesmo ano da estrea como novela[3].
A rodaxe da película levouse a cabo na area da Baía de San Francisco.
Harold e Maude converteuse tamén durante algún tempo nunha obra de teatro en Broadway.
Trama
O filme preséntanos primeiro a Harold, un xove triste, alleado e extravagante, dunha familia rica que vive nunha mansión coa súa nai, viúva desde hai tempo e de carácter dominante e aparentemente frío. Harold parodia á perfección distintos tipos de suicidio mais as súas pesadas bromas sucédense con tanta frecuencia que a súa nai xa fai como se non a afectasen. Ata que un día fai que se suicida na bañeira e o fai con tal desorde e estrago que súa nai o envía ó psicólogo. Como diversión, Harold ten por costume visitar funerais de xente que non coñece. Nun deles ve a Maude, unha velliña de 79 anos que trata de facerse a súa amiga con pallasadas. Maude é todo o contrario de Harold: unha señora maior, vitalista, chea de enerxía, impulsiva, e alegre. Os dous acaban por facerse amigos con consecuencias inesperadas.
Temas
Hal Ashby, o director da película, intenta representar unha parte da cultura da xuventude de San Francisco. O filme contrasta o fatalismo da xuventude co vitalismo de quen cre en algo e está disposto a preocuparse ou interesarse por algo. É, en certa maneira, o que os sobreviventes do Holocausto tiveron que facer para seguir vivindo, superar o nihilismo e atopar un propósito na vida. O pasado de Maude, aínda que é só un momento, revélase na marca que leva tatuada no brazo, o número de identificación do campo de concentración do que se supón que logrou saír con vida.
Harold forma parte dunha sociedade para a que non ten importancia ningunha, e, existencialmente, por tanto, carece de significado. Maude, porén, sobreviviu e, para ela a vida ten certo sentido. Só o feito de vivir en si é significativo. É nesta crise existencial, vista co pano de fondo da guerra do Vietnam representada no inmenso cemiterio de lápidas brancas que chega a cubrir toda a pantalla, que é posible entrever a diferenza entre dúas formas de entender a vida e a morte. A cultura inicial de Harold é significativa de como os americanos sobrelevan unha guerra sen sentido. A cultura de Maude, que experimentou os efectos desastrosos da guerra e do odio, enfatiza a necesidade de agarrarse á vida e rexeitar o holocausto que conduce á negación de todo tipo de sentido.
A película deu lugar á aparición de dúas novas palabras en inglés: "Harolding" (‘frecuentar os cemiterios’) descrita por Douglas Coupland en "Harolding in West Vancouver" (1996); e "Maudism" ou "Maudianism", a filosofía de vivir plenamente cada día.[4] A connotación da palabra está vinculada dalgún modo a filosofía idéntica dos mods. O inglés, Modism (‘o estilo de vida dos mods’) presenta a mesma converxencia fonética.
Elenco
Equipo de cámara e son
Música
A banda sonora é do músico, cantante e compositor Cat Stevens. Inclúe dúas cancións, "Don't Be Shy" (Non sexas tímido) e "If You Want To Sing Out, Sing Out" (Se queres berrar, berra), que compuxo especificamente para a película pero que non foron reproducidas en disco nin casete ata unha década máis tarde en que apareceron no compacto Footsteps in the Dark (Pegadas na escuridade’). A banda sonora de Harold and Maude nunca foi lanzada nos EUA pero si se chegou a producir e vender no Xapón.
A lista de cancións, seguindo a orde na que aparecen no filme é esta:
- "Don't Be Shy"
- "On The Road To Find Out"
- "I Wish, I Wish"
- "Miles From Nowhere"
- "Tea For The Tillerman"
- "I Think I See The Light"
- "Where Do The Children Play?"
- "If You Want To Sing Out, Sing Out"
- "Trouble"
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas