A groselleira negra (Ribes nigrum), é un arbusto frondoso do xénero Ribes, non espiñento, de 1,50 m de alto, que bota un olor diferenciado e desagradábel, e cuxo froito, a grosella negra, é unha baga agre mais comestíbel. Non é común o cultivo en Galiza.
Descrición
Orixinario de Europa oriental e central, pertence ao mesmo xénero cás demais groselleiras. Ten follas lobuladas, dentadas, cuxo envés é pálido con glándulas secretoras amarelas. As flores da groselleira negra son arrubiadas no interior e verdosas por fóra, formando un cáliz piloso, de maior tamaño cá corola.
O seu froito é a grosella negra, unha baga que nace en acios de grans negros, polposos, con pela lisa e recendentes, envoltos polos cálices das flores de onde saen. O zume de grosella negra é escuro, acidulado e aromático. Moi apreciado en Francia pola súa utilización en repostaría, como bebida alcólica e en perfumaría.
Produción
A maior produción dáse en Polonia. A grosella negra descoñecíase na cultura clásica grecorromana e na Idade Media, e foi introducida en Francia a partir da Idade Moderna. No século XIX, pasou a ser apreciada polas súas propiedades curativas e tamén como aromatizador de viños e destilados. En Galiza aínda é bastante descoñecida, agás na xardinaxe ou na alta cociña.
Utilidades
Medicina
Cientificamente, demostrouse que o óleo da semente de groselleira negra ten un moderado efecto inmunolóxico atribuíbel á súa capacidade para reducir a produción de prostaglandina E2.[1] Outros estudos atribúenlle á baga da groselleira negra propiedades antioxidantes e antimicrobianas[2][3]
Ademais, a groselleira negra ten unha gran cantidade de vitamina C, polo que tradicionalmente se usou para previr doenzas como o escorbuto.
Repostaría
O seu sabor agre e moi acedo evita que se consuma crúa. Porén, utilízase como ingrediente de tortas, sorbetes, xelatinas e confeituras. En cociña, úsase como fondo de pratos e puré.[4] En Francia faise un licor chamado crème de cassis.
↑Heinonen, M (2007). "Antioxidant activity and antimicrobial effect of berry phenolics--a Finnish perspective". Molecular nutrition & food research51 (6): 684–91. PMID17492800. doi:10.1002/mnfr.200700006.
↑Seeram, NP (2008). "Berry fruits: compositional elements, biochemical activities, and the impact of their intake on human health, performance, and disease". Journal of Agricultural and Food Chemistry56 (3): 627–9. PMID18211023. doi:10.1021/jf071988k.
Flora of China Editorial Committee. 1988-2013. Fl. China Unpaginated. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
Flora of China Editorial Committee. 2001. Fl. China 8: 1–506. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
Flora of North America Editorial Committee. 2009. Magnoliophyta: Paeoniaceae to Ericaceae. 8: i–xxiv, 1–585. In Fl. N. Amer.. Oxford University Press, Nova York.
Nasir, E. & S. I. Ali (eds). 1980-2005. Fl. Pakistan Univ. of Karachi, Karachi.