O Gran Premio dos Países Baixos de 1975 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 22 de xuño de 1975 no circuíto de Zandvoort. Foi a oitava carreira da tempada de Fórmula Un de 1975. Foi o 24º Gran Premio dos Países Baixos. Levouse a cabo sobre 75 voltas ao circuíto de catro quilómetros para un distancia de carreira de 318 quilómetros.
A carreira foi memorable e unha das maiores vitorias dun pequeno equipo de Fórmula Un. O piloto británico e futuro campión do mundo James Hunt gañou o seu primeiro Gran Premio de Fórmula Un, logrando para o pequeno equipo privado Hesketh Racing o punto culminante dos seus seis anos de historia coa súa primeira e única vitoria nun Gran Premio. Hunt pilotou o seu Hesketh 308 sacando un segundo sobre o Ferrari 312T do líder do Campionato do Mundo, o piloto austríaco Niki Lauda. A terceira praza logrouna o compañeiro de equipo de Lauda en Ferrari, o suízo Clay Regazzoni.
Niki Lauda dominou a práctica, co seu compañeiro Clay Regazzoni na primeira fila. Jean-Pierre Jarier tivo un accidente co Maki e a fin de semana do equipo terminou abruptamente nunha nube de fume por problemas co motor. James Hunt acadou á terceira praza da grella. O sábado pola tarde, as condicións climáticas non permitiron mellorar os tempos.
A carreira atrasouse polas choivas. Lauda lideraba por diante de Jody Scheckter, mentres que Vittorio Brambilla e Patrick Depailler chocaron. Jochen Mass tivo problemas e a Jacky Ickx explotoulle o seu motor. Mentres tanto, Hunt cambiara a pneumáticos de seco e foi gañando tempo rapidamente na superficie seca para tomar o liderado a Jarier e Lauda na volta 15.vEmerson Fittipaldi retirouse con problemas no motor, mentres que John Watson rompeu un soporte do á e Carlos Reutemann pasou a Tom Pryce que sufría de problemas de freos.
Na volta 43, Jarier trompeou logo dun rebentón nun pneumático. Lauda perseguiu a Hunt desesperadamente durante máis de 20 voltas, poñéndoo baixo unha enorme presión. Hunt cedera baixo presión similar en Bos Aires, pero esta vez aguantou. O Ferrari lograba adiantar nas curvas lentas, pero Hunt poñíase na cabeza nas curvas rápidas e na recta. As indicacións da televisión eran confusas os subtítulos mostraban tres voltas para o final cando un ruxido masivo das tribunas sinalou que todo terminara. Hunt converteuse no primeiro inglés desde o Peter Gethin en gañar un Gran Premio.
O segundo posto de Lauda reforzou o seu campionato, ampliando a 13 puntos a vantaxe sobre o piloto de Brabham Carlos Reutemann.
A menos que se indique o contrario, todos os resultados da carreira tómanse de "The Official Formula 1 website". Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2014. Consultado o 2007-06-15.