O Gran Premio de Portugal de 1959 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 23 de agosto de 1959 no circuíto de Monsanto. Foi a sétima carreira da tempada de Fórmula Un de 1959. Foi o oitavo Gran Premio de Portugal e o segundo que era puntuable para o campionato mundial de Fórmula 1 de pilotos. Era a terceira vez que se celebraba a carreira en Monsanto e a primeira que puntuaba para a Fórmula Un. A carreira levouse a cabo sobre 62 voltas ao circuíto de cinco quilómetros cunha distancia total de carreira de 337 quilómetros.
A carreira foi gañada polo piloto británico Stirling Moss, foi a súa undécima vitoria nun Gran Premio, pilotando un Cooper T51 para o equipo de carreiras privado Rob Walker Racing Team. Moss terminou unha volta por diante do corredor americano Masten Gregory que pilotaba un Cooper T51 semellante ó do equipo de fábrica de Cooper Car Company. O piloto americano da Scuderia Ferrari Dan Gurney terminou terceiro no seu Ferrari Dino 246.
As vitorias en Francia e Alemaña deran a Tony Brooks un cómodo lugar no segundo posto no campionato detrás de Jack Brabham. Stirling Moss mellorou a súa pobre posición no campionato gañando a carreira o segundo posto foi para Masten Gregory e o terceiro para Dan Gurney. Phil Hill e Graham Hill estrelaronse un contra outro na volta 6, mentres que Brabham tivo un enorme accidente, dando unha volta de campá, do que saíu ileso. Gurney foi o único Ferrari entre os oito primeiros con Maurice Trintignant e Harry Schell completando os cinco primeiros.
Con Brabham non rematando a carreira e Brooks terminando noveno, Moss pechou a brecha no campionato a só 9 puntos e medio detrás de Brabham e 5 puntos e medio detrás de Brooks.