Desde 1737 foi gobernado pola familia Habsburgo-Lorena até que en 1801Napoleón Bonaparte transforma o Gran Ducado en reino de Etruria. Despois da caída de Napoleón, en 1814, foi restaurado e devolto aos Habsburgo-Lorena, que reinaron no ducado até 1859, en que foi anexionado ao reino de Sardeña. A anexión foi ratificada formalmente nun referendo en 1860, que foi aprobado polo o 95 % dos votantes.[2]
En 1494Pedro o Fatuo, incapaz de opoñerse eficazmente á entrada en Florencia do rei de Francia Carlos VIII, viuse obrigado a fuxir. Restáurase na cidade o réxime republicano, á vez que Pisa recupera a súa independencia, que perderá de novo en 1509.
Porén, en 1527, despois do Saqueo de Roma por parte das tropas de Carlos V, os florentinos rebeláronse, proclamando de novo a república.
Para derrotar a este último réxime republicano foi necesario que se aliaran o papa Medici e o Emperador.
Despois do sitio de Florencia (o denominado longo sitio), en 1531Alexandre de Medici toma posesión do goberno da cidade. O ano seguinte será nomeado Duque. Morreu en 1537 a mans de Lourenzino de Medici, tamén chamado Lorenzaccio.[3]
O goberno foi asumido por Cosme, fillo de Giovanni dalle Bande Nere, descendente doutra rama, sobriño de Lorenzo o Magnífico.
Por bula emitida polo papa Pío V o 27 de agosto de 1569 Cosme alcanza o título de Gran Duque de Toscana. Á súa morte (1574) sucédeo seu fillo Francisco. Os Medici continuarían gobernando o gran ducado até a morte de Xoán Gastón, en 1737, data en que a Toscana, ao carecer de lexítimo herdeiro, pasará a mans de Francisco, duque de Lorena (Francisco III de Lorena), esposo de María Tareixa de Habsburgo, arquiduquesa de Austria, baseándose nos tratados establecidos polas dinastías europeas en 1735.
Desde de principios da década de 1730 diversas cortes europeas realizaran movementos diplomáticos sobre a causa sucesoria do Grande Ducado de Toscana. Sen dúbida, o candidato mellor situado era o infante Carlos de Borbón, fillo do rei Filipe V de España e de Isabel de Farnesio. Carlos herdara dereitos sucesorios sobre o trono florentino por parte da súa nai; a familia Farnesio estaba emparentada coa familia gran ducal.
O ano 1735, no curso da Guerra de Sucesión de Polonia, as diplomacias española e austríaca pactaron varios acordos sobre a cuestión florentina, polos cales a aínda poderosa Monarquía Española aceptaba como duquesa de Toscana á filla do emperador Carlos VI, a arquiduquesa María Tareixa I de Austria, e o emperador cedería o Reino das Dúas Sicilias ao infante Carlos de Borbón, a cambio do Ducado de Parma (que pasaría ao seu irmán) e da renuncia dos seus dereitos ao trono do Gran Ducado de Toscana.
Desactivada a fronte española, o emperador Carlos VI negociou directamente con Francia a aceptación definitiva da súa filla primoxénita como a herdeira das súas posesións. O esposo da arquiduquesa María Tareixa, o duque Francisco de Lorena cedería o Ducado de Lorena ao rei Estanislau I de Polonia, monarca destronado en 1735 e sogro do rei Lois XV de Francia, a cambio dunha xenerosa compensación económica e do Gran Ducado de Toscana. O Ducado de Lorena se integraría en Francia á morte de Estanislau, o que ocorreu en 1766.
Desta complicada maneira e no curso da guerra de sucesión polaca, e coa accesión de María Tareixa I de Austria ao trono austríaco, a familia dos Habsburgo-Lorena conseguiu o poder sobre o Gran Ducado de Toscana.
Á morte deste o seu fillo, Leopoldo I de Toscana, instalouse en Florencia e impulsou importantes reformes de carácter ilustrado no goberno e nas finanzas florentinas.
Desde o século XVII a cidade de Florencia caera, igual que outras cidades italianas, noutrora prósperas, nunha progresiva decadencia.
O gran duque Leopoldo encargouse de mellorar o sistema impositivo, de permitir novas prácticas comerciais e de impulsar unha incipiente industrialización do Gran Ducado que permitiu un certo auxe económico.
O ano 1786, o Gran Ducado de Toscana foi o primeiro estado do mundo en abolir a pena de morte.
Á morte do emperador Xosé II sen descendentes, o seu irmán, até entón gran duque Leopoldo I de Toscana debe abandonar Florencia e instalarse en Viena para asumir o Imperio, deixando o gran ducado ao seu fillo, o gran duque Fernando III de Toscana, que inauguraría a familia real de Austria-Toscana que aínda hoxe subsiste.
O Gran Ducado de Toscana, con máis de 250 anos de historia, foi disolvido pola diplomacia napoleónica e, xunto coa República de Lucca, serviu para crear o Reino de Etruria polo tratado de Aranjuez de 21 de marzo de 1801 entre Francia e España, en favor de Lois I de Parma e a súa descendencia, con cláusula de reversión á familia real española en caso de que non houbera descendencia.
Fernando III de Lorena recuperou o seu poder en Florencia. Sucedeuno en 1824 o seu fillo Leopoldo II.
No ano revolucionario de 1848 varias insurreccións de carácter republicano (e italianista) trataron de expulsar aos Austria-Toscana de Florencia, duramente reprimidas por Leopoldo. Pero o 27 de abril de 1859 o Gran Ducado foi ocupado militarmente por tropas piemontesas, e Leopoldo II tivo que abandonar o país.
En Viena, Leopoldo II abdicou en favor do seu fillo, o gran duque Fernando IV, que se establece en Roma baixo a protección do papa Pío IX. Fernando IV convértese en gran duque teórico, a pesar das súas iradas reclamacións.
Acton, Harold (1980): The Last Medici. Londres: Macmillan. ISBN 0-333-29315-0
Frieda, Leonie (2005): Catherine de' Medici. Londres: Orion books. ISBN 0-7538-2039-0
Hale, J. R. (1977): Florence and the Medici. Londres: Orion books. ISBN 1-84212-456-0
Saint-Priest, M. (1912): De Mémoire touchant les différents droits que divers princes et autres pourraient prétendre sur les estats possédez par Cosme III, grand-duc de Toscane, au cas que luy, le prince son fils et l'électrice palatine sa fille mourussent sans enfant, publicado en Recueil des instructions données aux ambassadeurs de France. Volume XIX: Florence, Modène, Gênes. Por Edouard Driault. París: Félix Alcan.
Strathern, Paul (2003): The Medici: Godfathers of the Renaissance. Londres: Vintage books. ISBN 978-0-09-952297-3