O hábitat natural dos gorilas é o bosque chuvioso de zonas tropicais e subtropicais. Malia que a súa área de distribución abrangue unha pequena porcentaxe de África, os gorilas distribúense nunha gran variedade de altitudes. Os Gorilla beringei beringei habitan bosques entre os 2.225 e os 4.267 m, mentres que pola súa banda, o Gorilla gorilla mora en selvas densas e pantanos das terras baixas até o nivel do mar.
Até hai pouco, considerábase que o gorila era unha única especie con tres subespecies: o Gorilla gorilla, o Gorilla beringei e o Gorilla beringei beringei. Na actualidade, o gorila está dividido en dúas especies, divididas á súa vez en dúas subespecies cada unha. Máis recentemente, tense afirmado a existencia dunha terceira subespecie de Gorilla beringei, a cal non recibiu unha denominación latina completa. Coñécese como Gorilla beringei beringei de Bwindi.
Debido á falta de consenso, os científicos continúan estudando as relacións entre as diferentes especies de gorila. Deseguido aparece a clasificación coas catro subespecies, que é a que conta co maior consenso científico:[6]
Os gorilas desprázanse xeralmente a catro patas. As súas extremidades anteriores son máis longas que as posteriores e aseméllanse a brazos, aínda que son utilizadas tamén como punto de apoio ao camiñar. Os machos miden entre 1,65 e 2 m de altura, e pesan entre 170 e 250 kg. As femias pesan arredor da metade do que os machos.
O gorila é unha especie en perigo e foi branco de cazadores furtivos durante longos períodos de tempo. As ameazas á supervivencia dos gorilas inclúen a destrución do seu hábitat e a cacería. Esta última incrementouse cos conflitos armados nos países en que habita, e tamén por un crecente interese polas "carnes exóticas". Na actualidade, estímase que hai arredor de 100.000 Gorilla gorilla gorilla en liberdade e 4.000 en zoos. Pola súa banda, o Gorilla beringei graueri rolda os 4.000 individuos en liberdade e 24 en catividade. En novembro de 2012, estimábase que a poboación total de Gorilla beringei beringei ascendía a 880. A pesar de que o seu número está medrando lentamente con respecto a anos anteriores, o Gorilla beringei beringei segue a considerarse como unha especie en perigo crítico de extinción.[7]
Folerpa de Neve foi o único caso de gorila albino que se coñece até o momento presente. Calcúlase que naceu sobre 1964 e faleceu en Barcelona en 2003.
↑In a talk presented at the Annual Meeting of the American Anthropological Association on November 20, 1999, Jonathan Marks stated: "Humans, chimpanzees, and gorillas are within two percentage points of one another genetically." "What It Really Means To Be 99% Chimpanzee"(en inglés). 10 de outubro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2013. Consultado o 28 de xullo de 2013.
↑Conniff R. Discovering gorilla. Evolutionary Anthropology, 18: 55–61. doi10.1002/evan.20203
↑Γόριλλαι,
Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon, on Perseus Digital Library
↑Müller, C. (1855–61). Geographici Graeci Minores. pp. 1.1–14: text and trans. Ed, J. Blomqvist (1979).