Os termos perda de hábitat e redución de hábitat úsanse nun sentido máis amplo incluíndo a perda de hábitat por outros factores tales como contaminación da auga e contaminación acústica.
Efectos
Nos seus termos máis simples cando se destrúe un hábitat, as plantas, animais e outros organismos que o ocupaban ven limitada a capacidade de carga do hábitat, o que leva a un declive de poboacións e pode chegarse á extinción.[2] O maior risco ao que se enfrontan as especies de todo o mundo é a perda de hábitat.[3] Temple (1986) encontrou que o 82% das especies de aves en perigo están seriamente ameazadas pola perda de hábitats. A destrución de hábitats, ás veces disimulada co nome de cambio no uso da terra, é a causa principal de perda de biodiversidade.
Xeografía
Os "puntos quentes" (hotspots) de biodiversidade son fundamentalmente rexións tropicais que presentan grandes concentracións de especies endémicas. É posible que todos os hotspots combinados conteñan máis da metade das especies mundiais de animais terrestres.[5] Estes puntos quentes están experimentando enormes perdas de hábitat, xa que cada un deles perdeu polo menos o 70% da súa vexetación primaria.[5]
A maioría dos hábitats naturais de illas e lugares con alta densidade de poboación humana xa están destruídos (WRI, 2003). As illas que sufriron graos extremos de destrución do seu hábitat inclúen Nova Zelandia, Madagascar, Filipinas e o Xapón.[6] O sur e leste de Asia, especialmente a China, a India, Malaisia, Indonesia e o Xapón, e moitas áreas en África occidental presentan poboacións humanas moi densas que deixan pouco lugar para os hábitats naturais. As zonas mariñas preto das cidades costeiras con poboación alta tamén presentan degradación dos seus arrecifes de coral e doutros hábitats mariños. Estas áreas inclúen as costas orientais de Asia e África, as costas norte de Suramérica e o mar Caribe coas súas illas.[6]
As rexións de agricultura non sustentable ou con gobernos inestables —ambos están xeralmente relacionados— usualmente presentan os graos máis avanzados de destrución de hábitat. As principais rexións con agricultura non sustentable e con gobernos que realizan unha mala xestión ambiental están en América Central, África subsahariana e na selva tropical chuviosa do Amazonas.[6]
As áreas de intensa explotación agrícola adoitan ter o maior grao de destrución de hábitat. Nos Estados Unidos queda menos do 25% da vexetación nativa nalgunhas partes do leste e da rexión central.[7]
En Europa só o 15% da superficie aínda non foi modificada polas actividades humanas.[6]
Ecosistemas
As selvas chluviosas tropicais recibiron moita atención con respecto á destrución de hábitats. Dos 16 millóns de quilómetros cadrados aproximadamente de selva chuviosa tropical que existían orixinariamente no mundo quedan menos de 9 millóns.[6] O ritmo actual de deforestación é de 160 000 quilómetros cadrados de corta anual, o que representa unha perda de arredor do 1% de selva orixinal por ano.[8]
Outros ecosistemas sufriron tanto coma as selvas chuviosas tropicais ou aínda máis. A agricultura e a corta de árbores alteraron polo menos o 94% dos bosques de folla caduca de clima temperado; moitos bosques primarios perderon máis do 98% da súa área previa a causa de actividades humanas.[6] Cando se trata de bosques temperados ou tropicais caducos o máis fácil é queimar e cortar cando se quere facer sitio para a agricultura ou gandería. Por iso quedan menos do 0,1% de bosques secos na costa do Pacífico de América Central e menos do 8% dos bosques caducifolios secos de Madagascar.[8]
As chairas e zonas desérticas foron menos degradadas. Só do 10 ao 20% das zonas secas, como pradeiras, sabanas, estepas e bosques secos deciduos sufriron algunha destrución.[9] Pero incluídos nese 10-20% están aproximadamente 9 millóns de quilómetros cadrados de lugares con estación seca que os humanos converteron en desertos por medio do proceso chamado desertificación.[6] Por outra parte, as pradeiras do oeste de Norteamérica perderon o 97% do seu hábitat natural ao seren convertidas en terreos de uso agrario.[10]
As zonas húmidas e áreas mariñas sufriron altos graos de perda de hábitat. Por exemplo, máis do 50% das zonas húmidas dos Estados Unidos foron destruídas nos últimos 200 anos (séculos XIX e XX ).[7] Entre o 60% e o 70% das zonas húmidas europeas foron totalmente destruídos.[11] Aproximadamente unha quinta parte (o 20%) das rexións mariñas costeiras foron profundamente modificadas polo ser humano.[12] Un quinto dos arrecifes de coral foron destruídos e outro quinto está seriamente degradado por sobrepesca, contaminación ou por especies invasoras. O 90% dos arrecifes de coral de Filipinas foron destruídos.[13] Finalmente, máis do 35% dos mangleirais do mundo foron destruídos.[13]
Actividade humana
A destrución de hábitats causada polos humanos ou antropoxénica inclúe a conversión de terras arables en agrícolas, desenvolvemento urbano incontrolado, desenvolvemento de infraestruturas de uso público, entre outras cousas. A degradación, fragmentación e contaminación de hábitats son aspectos da destrución de hábitats que non teñen como resultado necesariamente un dano evidente pero que en último grao causan o colapso dos ecosistemas. A desertificación, deforestación e degradación de arrecifes de coral son tipos específicos de destrución de hábitats.
Geist e Lambin (2002) analizaron 152 casos de perdas netas de cuberta vexetal en bosques tropicais para determinar se había padróns de causas inmediatas e mediatas de deforestación tropical. Os seus resultados permiten analizar en forma estatística as porcentaxes de contribución de distintos tipos de causas ao resultado final. Agrupáronse as causas mediatas en categorías amplas como expansión agraria (o 96 %), expansión das infraestruturas (o 72%) e a extracción madeireira (o 67%). Polo tanto, segundo este estudo a conversión de bosques en zonas de cultivo agrario é a causa principal de deforestación en zonas tropicais. As categorías específicas revelan outros detalles sobre as causas específicas de deforestación tropical: extensión do transporte (o 64%), extracción madeireira comercial (o 52%), cultivos permanentes (o 48%), gandería (o 46%), cultivos de “corta e queima” (o 41%), agricultura de subsistencia (o 40%) e extracción de combustible para uso doméstico (o 28%). Unha conclusión é que o cultivo de corta e queima non é a causa primaria de deforestación en todas as rexións do mundo, mentres que a extensión do transporte (incluíndo a construción de camiños novos) é o factor mediato principal causante de deforestación.[14]
Perspectivas
A rápida expansión da poboación global humana crea un incremento na demanda mundial de alimentos. Máis gente necesita máis alimentos. Se o crecemento continúa ao ritmo actual será necesario aumentar a superficie das terras agrarias nun 50% nos próximos 30 anos,[15] o cal é altamente problemático. No pasado o movemento continuo cara a novas terras proporcionaba o suficiente para satisfacer a crecente demanda mundial de alimentos. Mais iso xa non é posible, xa que o 98% da terra cultivable está en uso ou foi degradada sen posibilidade de recuperación.[16] A crise mundial da alimentación que se aveciña será unha causa importante de destrución de hábitat. Os agricultores posiblemente terán que recorrer a medidas desesperadas para producir máis comida sen aumentar o terreo, entón terán que recorrer a máis fertilizantes e a descoidar o medio ambiente no seu esforzo por satisfacer a demanda do mercado. Outros recorrerán a novas terras para convertelas á agricultura.
Solucións
Na deforestación da maioría das selvas tropicais tres ou catro causas mediatas controlan as causas inmediatas.[17] Isto quere dicir que unha política universal de control de deforestación tropical non alcanza a cubrir todas as causas do problema en cada país.[17] Antes de que haxa políticas locais, nacionais ou internacionais cómpre obter todos os detalles da complexa combinación de causas mediatas e inmediatas en cada área ou país.[17] Pódese aplicar doadamente este concepto xunto con outros do estudo de Geist e Lambin á destrución de hábitats en xeral. Os líderes gobernamentais deben empezar por facer fronte ás forzas mediatas, antes de tratar de regular as causas inmediatas. Nun sentido máis amplo os poderes, xa sexa locais, nacionais ou internacionais, deben facer fincapé no seguinte:
Considerar os servizos insubstituíbles proporcionados polos hábitats naturais.
Protexer as seccións aínda intactas de hábitats naturais.
Educar o público sobre a importancia dos hábitats naturais e da biodiversidade.
Desenvolver programas de planeamento familiar en áreas de rápido crecemento da poboación.
Encontrar formas de aumentar a produción agrícola sen aumentar a superficie cultivada.
Preservar os corredores de hábitat para reducir calquera dano previo causado aos hábitats fragmentados.
Barbault, R. e S. D. Sastrapradja. 1995. Generation, maintenance and loss of biodiversity. Global Biodiversity Assessment, Cambridge Univ. Press, Cambridge pp. 193–274.
Burke, L., Y. Kura, K. Kassem, C. Ravenga, M. Spalding, e D. McAllister. 2000. Pilot Assessment of Global Ecosystems: Coastal Ecosystems. World Resources Institute, Washington, D.C.
Cincotta, R.P., e R. Engelman. 2000. Nature's place: human population density and the future of biological diversity. Population Action International. Washington, D.C.
Geist, H. J., e E. E. Lambin. 2002. Proximate causes and underlying driving forces of tropical deforestation. BioScience 52(2): 143-150.
Kauffman, J. B. e D. A. Pyke. 2001. Range ecology, global livestock influences. In S. A. Levin (ed.), Encyclopedia of Biodiversity 5: 33-52. Academic Press, San Diego, CA.
Laurance, W. F. 1999. Reflections on the tropical deforestation crisis. Biological Conservation 91: 109-117.
McKee, J. K., P.W. Sciulli, C. D. Fooce, e T. A. Waite. 2003. Forecasting global biodiversity threats associated with human population growth. Biological Conservation 115: 161-164.
MEA. 2005. Ecosystems and Human Well-Being. Millennium Ecosystem Assessment. Island Press, Covelo, CA.
Primack, R. B. 2006. Essentials of Conservation Biology. 4th Ed. Habitat destruction, pages 177-188. Sinauer Associates, Sunderland, MA.
Pimm, Stuart L. e Peter Raven (2000) Biodiversity: Extinction by numbers Nature403: 843-845 doi:10.1038/35002708.
Ravenga, C., J. Brunner, N. Henninger, K. Kassem, e R. Payne. 2000. Pilot Analysis of Global Ecosystems: Wetland Ecosystems. World Resources Institute, Washington, D.C.
Sanderson, E. W., M. Jaiteh, M. A. Levy, K. H. Redford, A. V. Wannebo, e G. Woolmer. 2002. The human footprint and the last of the wild. Bioscience 52(10): 891-904.
Scholes, R. J. e R. Biggs (eds.). 2004. Ecosystem services in Southern Africa: a regional assessment. The regional scale component of the Southern African Millennium Ecosystem Assessment. CSIR, Pretoria, South Africa.
Stein, B. A., L. S. Kutner, e J. S. Adams (eds.). 2000. Precious Heritage: The Status of Biodiversity in the United States. Oxford University Press, Nova York.
Temple, S. A. 1986. The problem of avian extinctions. Ornithology 3: 453-485.
Tilman, D., J. Fargione, B. Wolff, C. D’Antonio, A. Dobson, R. Howarth, D. Schindler, W. H. Schlesinger, D. Simberloff, e D. Swackhamer. 2001. Forecasting agriculturally driven global environmental change. Science 292: 281-284.
White, R. P., S. Murray, e M. Rohweder. 2000. Pilot Assessment of Global Ecosystems: Grassland Ecosystems. World Resources Institute, Washington, D. C.
WRI. 2003. World Resources 2002-2004: Decisions for the Earth: Balance, voice, and power. 328 pp. World Resources Institute, Washington, D.C.