Subtitulada Revista mensual ilustrada, apareceu o 1 de maio de 1897. Presumiblemente de propiedade colectiva nun principio, pasou a mans de Xerardo Álvarez Limeses que tamén era o redactor xefe, e dende abril de 1898, do director Enrique Labarta Pose. Entre os seus colaboradores estaban Lamas Carvajal e Lisardo Barreiro. Tentaba converterse nun álbum artístico e literario, no que se ofrecera información sobre as paisaxes, as lendas, os costumes, as tradicións e as festas populares de Galicia. Ademais, incluíu textos literarios e poesías, xunto con datos biográficos de destacados escritores galegos. Cesou a súa edición o 15 de xullo de 1898 co número 30.