Francisco José Gómez Pallas, nado en Caracas o 18 de marzo de 1969, é un piloto galego de motocrós.
Disputou en oito ocasións o Rally Dakar.
Traxectoria
Naceu na capital de Venezuela, fillo de emigrantes galegos, e alí aos 6 anos subiu por primeira vez a unha moto, unha Bernelli de 50cc.[1] Aos 7 anos trasladouse coa súa familia a Galicia, instalándose primeiro en Ponteceso e finalmente en Bértoa, Carballo.[2]
Foi campión galego de motocrós na categoría de 80cc en 1985 e de 125cc en 1987, e subcampión de 250cc en 1991, 1992 e 1993, e correu ademais durante anos no Campionato de España.[3][4][5][6] Dedicouse profesionalmente á carpintería metálica, rexentando xunto a seu irmán unha empresa deste eido en Bértoa.[7]
No ano 2000 correu por primeira vez o Rally Dakar, a bordo dunha Honda, conseguindo completalo no posto 88º.[8] Durante os seguintes anos volveu disputar a carreira en varias ocasións (2003, 2005, 2006, 2007 e 2009) conseguindo chegar á meta en 2006 e 2009.[9] Tras varios anos de ausencia volveu na edición de 2018, conseguindo completar o rally por cuarta vez.[10] En 2024 disputou o seu oitavo Dakar, converténdose no primeiro piloto español en correr a proba cunha moto eléctrica.[11] Na penúltima xornada sufriu un espectacular accidente que partiu a súa moto en dous. Con todo, a organización premiouno polo seu rendemento nos días previos, dándolle por completado o rally.[12]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos