O Festival de Ópera de Glyndebourne é un evento celebrado desde 1934 nunha casa de campo situada nos arredores de Lewes, en East Sussex, Inglaterra.
Historia
A casa pasou a ser propiedade de John Christie en 1920. Como dono dunha compañía que fabricaba órganos (Hill, Norman & Bear Ltd.), Christie iniciou os traballos de adaptación de Glyndebourne para acomodar un órgano na sala de concertos de 80 pés de longo, creando o instrumento máis grande de Inglaterra, despois do da catedral.
Como amante da música, Christie organizou regularmente encontros musicais nesta sala. Así coñeceu á súa futura esposa, Audrey Mildmay, cantante de ópera profesional que lle deu un toque de profesionalidade a estes encontros. Na súa lúa de mel, mentres visitaban os festivais de Salzburgo e Bayreuth, tiveron a idea de crear un festival similar na súa casa. Construíron un auditorio con capacidade para 300 persoas, contrataron ao director de orquestra Fritz Busch e ao director artístico Carl Ebert, ambos exiliados do réxime nazi, e inauguraron o festival o 28 de maio de 1934.
O teatro orixinal, construído ao carón da casa, foi ampliado e mellorado en varias ocasións, e para principios dos anos 1990 xa incluían un complexo de restaurantes, camerinos e outras instalacións. En 1992 ofreceuse a última presentación nese teatro, e en 1994 inaugurouse un novo teatro con capacidade para 1200 persoas, construído grazas a doazóns públicas, cun custo de ao redor de 34 millóns de libras esterlinas. O Festival opera sen ningunha axuda pública.
O Festival de Glyndebourne é moi famoso polas súas producións de óperas de Mozart, moitas das cales están consideradas como as mellores producións feitas nunca no século XX. Moitas das súas representacións foron gravadas en vídeo e para a televisión. A finais dos anos 1980, o festival de Glyndebourne fixo unha nova produción con moito éxito de Porgy and Bess, de Gershwin, dirixida por Trevor Nunn. Nos últimos anos Mozart continuou sendo o repertorio principal do festival, pero a compañía tivo moito éxito con producións excepcionais de ópera de Leoš Janáček e Handel.
Dende o ano 2014 o director musical do festival é Robin Ticciati.