Fernando Javier Pérez Fernández, nado en Barbeito (Vilasantar) en 1972, é un político galego do PPdeG, que é alcalde de Vilasantar dende 2011.
Natural de Barbeito, foi técnico de deporte do concello de Vilasantar dende 2006. En 2011 presentouse ás eleccións municipais encabezando a candidatura do PPdeG de Vilasantar. Obtivo a maioría absoluta superando por 27 votos ao BNG (encabezado por Manuela García Freire), obtendo cinco dos nove concelleiros e foi elixido alcalde[1].
No ano 2013 foi imputado tras unha querela do BNG por un suposto delito de prevaricación, ao deixar caducar un expediente ao aparellador do concello, tío del.[2] En 2014 a denuncia foi arquivada por non apreciarse indicios de delito, aínda que si constata "certa inactividade" por parte do alcalde respecto do expediente.[3]
Nas eleccións municipais de 2015, volveu gañar con maioría absoluta as eleccións, aumentando a seis o número de concelleiros obtidos, por tres do BNG.[4] Nas eleccións municipais de 2019 volveu a acadar a alcaldía co mesmo número de concelleiros.[5][6]