Felipe Bello Piñeiro, nado no Seixo (Franza, Mugardos) o 20 de marzo de 1886 e finado na mesma localidade en decembro de 1952,[1] foi un pintor galego.
Traxectoria
Personalidade de enorme interese plástico e intelectual, posto que nada relacionado coa cultura lle foi alleo, e en moitos aspectos influíu decisivamente, como, por exemplo, na divulgación da louza de Sargadelos.
Fórmase plasticamente na Escola de Artes e Oficios da cidade de Ferrol con Eduardo de la Vega e Vicente Díaz. Posteriormente trasládase a Madrid para seguir os cursos da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. A súa inquietude espiritual lévao a relacionarse con outros artistas. Cando apenas ten 20 anos fai amizade cos irmáns Zubiaurre y Solana. Relaciónase con galegos notables como Castelao, Asorey, Curral etc., e asiste a faladoiros onde destacan Emilia Pardo Bazán, Sotomayor, Lloréns ou o arquitecto Antonio Palacios. Comeza a súa tarefa de ilustrador e deseñador gráfico, que terá importancia considerable na súa obra. En 1912 organiza a primeira exposición rexional de pintura galega en Madrid.
A súa primeira exposición individual data de 1913, en Ferrol, onde asenta o seu interese pola paisaxe, con grande éxito de venda, axudado por Seijo Rubio.
En 1917 regresa definitivamente a Galiza, instalándose de novo no Seixo. A partir destes anos a súa obra intensifícase, sempre no mundo da paisaxe, e dáo a coñecer en ámbitos galegos de Suramérica.
Comparte a pintura coa decoración mural, de ambiente post impresionista ou eminentemente modernista, a base de grafismos exquisitos de inspiración floral, e traballa na catalogación completa de Sargadelos, que publica en 1922.
O seu traballo segue sendo intenso na ilustración, a decoración e o cadro de cabalete, así como en actividades xornalísticas e de investigación histórica e plástica. A súa paixón pola paisaxe lévao a fundar a Sociedade de Amigos de Paisaxe Galega, en 1927, con sede na súa parroquia de residencia.
Fundou no Seixo a asociación Amigos del Paisaje Gallego, da que foi presidente.
A última etapa da súa vida é dura e difícil, agravada polo abuso do alcol, que o leva a crises neuróticas. A pesar de todo pinta constantemente, unha ampla serie de nocturnos, ata a súa morte, á idade de 66 anos.
Xunto con M. F. Barreiro acuñou o nome de Xeración Doente, no Segundo Salón ferrolán de pintura galega.[2]
Estilo
O seu carácter reflíctese sempre na súa obra, ambiciosa, interesante ata na súa imperfección frecuente. Os seus retratos inquietan, as súas paisaxes son estilizacións moi idealizadas. Naturalmente, o impresionismo inflúeo, aínda que busque sempre certo testemuño documentalista, ou se evada cara a modos fantasiosos.
O resultado é desigual, pero nunca anódino. Porque ata o simplemente decorativo ten valor como investigación ou recreación, achegando elementos que van desde o exercicio xeométrico ata a multiplicación dunha mesma imaxe, coma se estivese vista ao través dun calidoscopio.
Notas
- ↑ "Falleció el pintor Bello Piñeiro" en La Voz de Galicia, 10-12-1952, p. 2.
- ↑ El Correo Gallego (27 de agosto de 1922).
Véxase tamén
Bibliografía
- Barreiro, Alejandro (1917): Da arte galega. A Coruña.
- Barros, Tomás (1980): Lembranzas encol do estudo de Bello Piñeiro. Deputación da Coruña.
- Chamoso Lamas, M. (1976): «Arte», en Galicia. Barcelona, Editorial Noguer.
- Esteve Ortega, E. (1930): Arte gallego. Barcelona.
- Gaya Nuño, J. A. (1970): La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europa de ediciones.
- Leyra Domínguez, J. (1967): Bello Piñeiro e o seu tempo.
- Mon, Fernando (1967): A pintura actual en Galicia. Vigo.
- Mon, Fernando (1987): Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia.
- Pablos, Francisco (1981): Pintores gallegos del Novecientos. pp. 1940-149. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza.
- Pablos, Francisco (1981): Plástica gallega. Vigo, Caixavigo.
- Sanjurjo, Eduardo (1963): Discurso de ingreso na Academia de Belas Artes do Rosario. A Coruña.
Ligazóns externas