FENYA (Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras) foi unha empresa fundada no barrio ferrolán de Canido polo enxeñeiro José María González-Llanos, fundador de Astano.
Orixes
A idea de crear a empresa xorde entre empregados de Bazán. Nos anos iniciais á posta en marcha da empresa traballan no seu primeiro produto, un teléfono naval de patente e deseño propio.
Fenya fabricou tres deseños de teléfonos con variantes:
Teléfono de peito
Teléfono de mamparo
Teléfono de escritorio
Posteriormente fabricaron centrais telefónicas. Como industria auxiliar fabricou equipamento eléctrico para buques, cadros eléctricos e motores eléctricos chegando a ser unha das principais empresas auxiliares navais de Ferrol. Ofreceu melloras aos traballadores como un economato como o de Bazán e apoiar actividades culturais e deportivas.
A súa imaxe de marca era un logotipo en fondo vermelo ou azul escuro, cun electroimán co nome de Fenya. Os seus produtos levaban a marca da empresa nunha placa metálica co logo da empresa e o texto Fabricaciones Eléctricas Navales Y Artilleras, S.L. El Ferrol del Caudillo.
Vendeu os terreos que ocupaba en Canido a unha inmobiliaria e trasladou os obradoiros ao polígono da Gándara en Narón. A empresa pechou definitivamente en 1997[1].