Murcia del Carmen é a estación de ferrocarril de Murcia, situada no barrio murciano do Carmen. Forma parte da rede de estacións de Adif e é o punto de cruzamento das liñas Chinchilla-Cartaxena (P.K. 459,9) e Murcia-Águilas.
Por esta estación circulan trens Talgo Barcelona-Lorca e Cartagena-Montpellier, trens Altaria entre Madrid e Cartaxena ou Madrid e Murcia, os trens da liña L-1 de Media distancia Renfe e os trens das liñas C-1 e C-2 de Proximidades Murcia/Alacant, sendo cabeceira de ambas as liñas.
O 24 de outubro de 1862 a raíña Isabel II inaugurou a Estación Murcia do Carmen. A localización da estación de ferrocarril no barrio supuxo un potencial de crecemento ao convertela en punto de intercambio de mercancías. A primeira liña que chegou a esta estación unía Murcia e Madrid separándose da liña Madrid-Alacant en Chinchilla de Monte-Aragón, un ano máis tarde a liña continuouse ao leste da cidade cara a Cartaxena.
Máis tarde, en 1884 e 1885 inauguráronse as liñas Murcia-Águilas e Murcia-Alacant, separándose esta última da liña Madrid-Chinchilla-Cartaxena en Alquerías.
O conxunto arquitectónico posúe unha estrutura horizontal orixinal, á que se engadirían posteriormente unha serie de construcións en ferro, como a marquesiña actual, que data do ano 1910.
Na actualidade,[cando?] a estación enfróntase a un proceso de transformación para a chegada dunha rama da liña de alta velocidade Madrid-Levante e o arranque da liña de alta velocidade Murcia-Almería. A primeira parte desta infraestrutura abriuse o 25 de xuño de 2008. Corresponde ao tramo Murcia-Alquerías, de dobre vía sen electrificar por agora, o cal provocou o cesamento da circulación no tramo equivalente da liña Chinchilla-Cartaxena.