O escribidor pequeno[2] (Emberiza pusilla) é unha ave paseriforme que pertence á familia Emberizidae. É asiática e algunhas aves errantes poden chegar a Europa, incluída Galicia.[3]
Nome
En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica os nomes de escribenta pigmea[4] e escribenta anana,[3] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta para os paxaros emberícidos, senón escribente (feminino)[5] ou escribidora[6]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[7]
O nome do xénero Emberiza vén da palabra do alemán antigoEmbritz, que era o nome que se lle daba alí a estas aves.[8] O nome específico pusilla en latín significa 'moi pequeno'.[8]
Taxonomía
Foi descrita inicialmente por Peter Simon Pallas en 1776 e é unha especie monotípica,[9] sen variacións ao longo da súa extensa área de distribución eurasiática.[10]
Descrición
É un pequeno emberícido, que mide só de 12 a 14 cm de lonxitude.[9] Ten un dorso marrón moi veteado e partes inferiores brancas cun fino veteado negro. Pola súa face castaña e banda malar branca, lembra unha pequena femia de escribente das canaveiras, pero diferénciano as bandas negras do píleo, o anel ocular branco e a beira fina negra da parte posterior das meixelas castañas. Os sexos son similares.
A chamada é un distintivo zik, e a canción é un vibrante siru-sir-sir-siru.
Ecoloxía
Esta ave cría na taiga do extremo norte de Europa e norte de Asia. É unha ave migratoria, que inverna nos subtrópicos no norte da India, sur da China e parte norte do sueste asiático.[10] As aves permanecen nos seus cuarteis de inverno durante moito tempo; recolléronse exeplares en Yunnan a finais de marzo.[11] Aparece como ave errante rara no oeste de Europa,[10] e en Galicia está considerada como unha ave accidental rara.[3] Esta especie é adaptable; nas montañas de Bután por exemplo, onde inverna un pequeno número delas, atópase normalmente en hábitats agrícolas, maiormente entre os 1000 e 2000 m de altura.[12]
Reprodúcese en bosques de coníferas abertos, a miúdo con algúns bidueiros ou salgueiros. Poñen de catro a seis ovos nun niño feito nas árbores. A súa comida natural consiste en sementes ou, cando están alimentando as crías, insectos.
A especie é común e ten unha ampla área de distribución, polo que non é considerada especie ameazada na Lista Vermella da IUCN.[1]
Byers, Clive; Olsson, Urban; Curson, Jon (1995). Buntings and Sparrows: A Guide to the Buntings and North American Sparrows. Mountfield, East Sussex, UK: Pica Press. ISBN1-873403-19-4.