Emilio de la Cuadra Albiol, nado en Sueca (Valencia) o 13 de maio de 1859 e falecido en Valencia o 1 de febreiro de 1930,[1] foi un militar e empresario valenciano. Foi un pioneiro da industria da automoción, creando a primeira marca fabricante de automóbiles na Península Ibérica, La Cuadra, con sede en Barcelona e activa entre 1899 e 1901.[2]
Traxectoria
En setembro de 1877 Emilio de la Cuadra ingresou na Academia de Artillaría de Segovia, graduándose alí como tenente en 1881.[3][4] Estaba moi interesado na electricidade, e conseguiu levar adiante o proxecto de construción dunha central eléctrica en Lleida, levando por primeira vez a luz eléctrica a esa cidade.[5] Este proxecto representoulle a De la Cuadra unha excelente renda, á vez que unha gran satisfacción á súa persoa.
Empresario inquieto, visitou a Exposición Universal de París de 1889,[6] igual que Francesc Bonet, ficando fascinado pola mostra no campo da automoción alí presente. A carreira de 1895 París-Bordeos-París, de 1200 km, impresionoulle de tal modo que De la Cuadra intuíu o prometedor futuro da automoción, decidiu vender a súa central eléctrica en Lleida e trasladouse a Barcelona, onde fundou en setembro de 1898, na rúa Deputación, esquina co paseo de Sant Joan, a Compañía General Española de Coches Automóviles E. de la Cuadra, Sociedad en Comandita.[6][5] De la Cuadra asociouse con Charles Vélino (máis coñecido como Carlos Vellino), un enxeñeiro suízo que tiña unha fábrica de acumuladores eléctricos en Barcelona.
Vehículos fabricados pola súa empresa
Emilio de la Cuadra decidiu que a súa empresa fabricase vehículos con propulsión eléctrica, en parte pola súa experiencia no devandito campo, e debido tamén á exclusiva da fabricación de vehículos con motor de explosión que Bonet obtivo en 1894. A súa empresa fabricou prototipos dun camión, un ómnibus e un coche, todos eles con motores eléctricos, pero posteriormente foron despezados, xa que as baterías esgotábanse rapidamente por mor do peso dos vehículos e da reducida almacenaxe de enerxía das devanditas baterías.
O principal vehículo eléctrico que fabricou La Cuadra foi o ómnibus, construído para o Hotel Oriente de La Rambla (Barcelona), que o necesitaba para ir buscar aos seus clientes á Estación de Francia. Porén, en agosto de 1900, cando se presentou o ómnibus á prensa, o vehículo foi un rotundo fracaso; segundo o planeado, íase realizar unha viaxe de demostración pola estrada de Vic, pero o ómnibus só percorreu uns metros e parouse, non houbo forma de polo en marcha de novo e tivo que ser remolcado até os talleres da fábrica. Despois deste fracaso, Emilio de la Cuadra e os seus colaboradores centráronse só na fabricación de vehículos con motor de explosión.
A mediados de 1901, os novos automóbiles La Cuadra Centauro estaban listos para o mercado. Porén, por mor dunha folga nese mesmo ano e das malas vendas dos coches Benz comercializados pola empresa, Emilio de la Cuadra tivo que declarar a suspensión de pagamentos en novembro de 1901.[5]
Reingreso no exército
Após a bancarrota da súa empresa, Emilio de la Cuadra solicitou o seu reingreso no exército español, sendo destinado a Ceuta, onde proseguiu a súa carreira militar co grao de comandante, chegando a ser ascendido a xeneral de brigada,[5] e esqueceuse das iniciativas empresariais.
En 1921 regresou a Barcelona e participou como mediador nun conflito laboral en L'Hospitalet de Llobregat, séndolle entregada como agradecemento unha placa de fillo adoptivo da cidade.[7] Faleceu en Valencia o 1 de febreiro de 1930 á idade de 70 anos.
Notas