Ellen Auerbach, nada en Karlsruhe en 1906 e finada en Nova York en 2004, foi unha fotógrafa alemá, considerada unha das figuras máis destacadas da fotografía de vangarda.
Traxectoria
A traxectoria de Ellen Auerbach comeza no Berlín de entreguerras, estudando co fotógrafo Walter Peterhans (1897-1960) que posteriormente dirixiría o taller de fotografía de Bauhaus.
Con Grete Stern funda en 1929 o seu propio estudio fotográfico chamado ringl + pit. Os traballos desta época enmárcanse dentro da tendencia das Neue Sehen(A nova visión) e axiña chamaron a atención da crítica.
Este labor viuse truncado coa chegada do nazismo ó poder: o 30 de xaneiro de 1933 Adolf Hitler acada a chancelería de Alemaña e pouco despois as dúas fotógrafas abandonan o país. Por conseguinte as súas traxectorias profesionais separáronse, mais conservaron a súa amizade ata a morte de Grete Stern en Buenos Aires no 1999.
Ellen Auerbach trasládase primeiro a Palestina, logo a Londres e finalmente ós Estados Unidos. Establecéndose definitivamente neste país no 1937, ata a súa morte o 30 de xullo do 2004.
Obra
Tras abandonar Alemaña, Ellen Auerbach desenvolveu un estilo individual e propio. En vez de "construír" os escenarios para fotografar, pasou a capturar instantes da realidade cotiá, moitas veces unha realidade aparentemente cuberta pola vulgaridade. Xogando coa composición, luz ou encadramento, estas instantáneas da realidade son capaces de espertar a sensibilidade do espectador, descubríndolle aspectos ocultos. Ela mesmo describía este desexo: Gustaríame que no tema máis insignificante, máis corrente, e máis pobre vos evidenciara a dignidade e a esperanza que agocha[1].
Notas
- ↑ Ellen Auerbach, A Ollada Intuitiva. Por Mercedes Valvidieso. Exposición realizada no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela. Do 9 de setembro ó 5 de outubro de 2003. Patrocinadores: Fundación La Caixa, Universidade de Santiago de Compostela e Concello de Santiago.
Véxase tamén
Ligazóns externas