En bioloxía, un elemento SECIS (do inglés selenocysteine insertion sequence, secuencia de inserción de selenocisteína) é unha secuencia regulatoria de ARN duns 60 nucleótidos de longo cunha estrutura de talo-bucle.[1] Este motivo estrutural (patrón de nucleótidos) dirixe a tradución na célula do codón UGA como selenocisteína. O codón UGA normalmente funciona como codón de terminación, e a selenocisteína é un aminoácido especial non codificado directamente no código xenético. Os elementos SECIS son unha característica fundamental dos ARN mensaxeiros que codifican selenoproteínas (proteínas que conteñen un ou máis residuos de selenocisteína).
Nas bacterias o elemento SECIS está situado pouco despois do codón UGA ao que afecta. Nas arqueas e eucariotas aparece na rexión 3' UTR dos ARNm, e pode facer que múltiples codóns UGA do ARNm pasen a codificar selenocisteína. Atopouse un elemento SECIS de arqueas, en Methanococcus, que está localizado na rexión 5' UTR.
O elemento SECIS está definido polas características da súa secuencia, é dicir, determinados nucleótidos tenden a ocupar determinadas posicións nel, e ten unha estrutura secundaria característica. A estrutura secundaria é o resultado do emparellamento de bases complementarias dos nucleótidos do ARN, e causa a formación dunha estrutura similar a unha forquita. O elemento SECIS eucariótico inclúe pares de basesA-G non canónicos, o cal é pouco común na natureza, pero que son fundamentais para o funcionamento correcto do elemento SECIS. Aínda que os elementos SECIS de eucariotas, arqueas e bacterias comparten a mesma estrutura xeral en forquita, non son todos aliñables; por exemplo, un esquema baseado no aliñamento para recoñecer os elementos SECIS eucarióticos non serviría para recoñecer un elemento SECIS de arqueas.
En bioinformática, creáronse varios programas informáticos para buscar elementos SECIS nun xenoma, baseados na secuencia e estrutura secundaria característica destes elementos. Estes programas utilizáronse na procura de novas selenoproteínas.[2]
Distribución nas especies
Os elementos SECIS encóntranse nunha gran variedade de organismos pertencentes aos tres dominios da vida (incluíndo os seus virus).[2][3][4][5][6][7][8]
↑G. V. Kryukov, S. Castellano, S. V. Novoselov, A. V. Lobanov, O. Zehtab, R. Guigó, and V. N. Gladyshev (2003). "Characterization of mammalian selenoproteomes". Science300 (5624): 1439–1443. PMID12775843. doi:10.1126/science.1083516.