Eduardo Cifuentes Las Catalinas, nado en Chaguazoso (A Mezquita) o 9 de xaneiro de 1883,[1] foi un mestre e político galego.
Estudou maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, rematando en 1907.[2] Foi nomeado mestre interino da Vilavella en 1913.[3] Despois foi mestre de Membrillar (Saldaña, provincia de Palencia). Mestre de Chaguazoso dende os anos vinte, na República era militante de Acción Republicana.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e estivo agochado. Foi destituído como mestre. En marzo de 1937 pasou a Portugal onde foi detido e devolto ás autoridades franquistas. Xulgado en consello de guerra na causa 1082/37 por adhesión á rebelión o 10 de decembro de 1937, foi condenado a cadea perpetua. Cumpriu condena na prisión da Coruña. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en xaneiro de 1938,[4] e foi condenado a pagar unha multa de 250 pesetas en 1939. Depurado do maxisterio foi sancionado en 1940 con suspensión de emprego e soldo por dous anos e traslado forzoso fora da provincia.[5] Foi trasladado a Quecedo (Merindad de Valdivielso, na provincia de Burgos) en decembro de 1940.[6]