O dólar ou dala foi a moeda de Hawai entre 1847 e 1898. Era igual ao dólar dos Estados Unidos e foi dividido a 100 céntimos ou keneta. Só se realizaron emisións esporádicas, que circularon en paralelo á moeda dos Estados Unidos.[1][2]
Moedas
Kamehameha III
A primeira emisión oficial do Reino de Hawai foi en 1847. Tratábase dun céntimo de cobre que amosaba o retrato do rei Kamehameha III no seu anverso. Esta moeda resultou ser impopular por mor da mesquiña calidade do retrato do rei. Malia haber quen sostén que a denominación era incorrecta (hapa haneri en vez de hapa haneli), a ortografía hapa haneri foi correcta ata a fin o século XIX.[3] A ortografía haneri ("cen" ou "cento" en hawaiano) aparece en todos os billetes de 100 e de 500 dólares en circulación entre 1879 e 1900.[4][5][6]
En 1883, o circulante oficial de prata do Reino de Hawai estivo constituído polas denominacións dun dime ou 10 centavos (umi keneta en hawaiano), un cuarto de dólar (hapaha), medio dólar (hapalua) e un dólar (akahi dala). A Casa da Moeda dos Estados Unidoscuñou, na ceca de Filadelfia, 26 presentacións de proba que contiñan o umi keneta (10 centavos), hapaha (cuarto), hapalua (medio) e akahi dala (un dólar). Tamén se fabricaron 20 exemplares de proba coa denominación de oito dólares (hapawalu). As moedas de prata emitidas para a circulación no Reino de Hawai fabricáronse na Casa da Moeda de San Francisco, deseñadas polo seu gravador Charles Edward Barber.[7]
As moedas de Hawai continuaron a circular durante varios anos logo da anexión aos Estados Unidos, en 1898, ata que en 1903 unha acta do Congreso desmonetizou as emisións Hawaianas. A maioría das moedas foron retiradas e fundidas, aínda que se conservaron algunhas pezas, moitas veces convertidas en pezas de xoiaría. Segundo as estimacións, o número máximo de exemplares de cada moeda que se conservou é o seguinte:[7]
Umi keneta (10 centavos): 249.921 pezas.
Hapaha (cuarto de dólar): 242.600 pezas.
Hapalua (medio dólar): 87.700 pezas.
Akahi dala (un dólar): 46.300 pezas.
Billetes
En 1879, o Departamento de Finanzas emitiu os primeiros billetes de Hawai, que viñan sendo certificados de depósito de moeda de prata por valor de 10, 20, 50 e 100 dólares. Con todo, emitíronse moi pequenas cantidades destes billetes, e a maioría do diñeiro de papel circulante pertencía ás emisións dos Estados Unidos.[8] A partir de 1884 só se admitiron moedas de ouro estadounidenses para cantidades por riba dos 10 dólares.[9]
En 1897, a República de Hawai emitiu certificados de depósito de moeda de prata con valores de 5, 10, 20, 50 e 100 dólares. En 1899 emitíronse billetes coas mesmas denominacións apoiados por depósitos de ouro. Tódolos billetes hawaianos, especialmente os certificados de ouro, son hoxe extremadamente raros.