Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 111-91, do 6 de novembro de 2009,[3] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda dun dólar de prata en conmemoración do 150 aniversario da Creación da Medalla de Honra dos Estados Unidos e en recoñecemento as persoas cuxo servizo se distinguiu con elas.[1][2]
O dólar de prata forma parte do Programa de Moedas Conmemorativas da Medalla de Honra, que se completa coa emisión, tamén en 2011, dunha moeda de ouro con valor de 5 dólares.[4]
No anverso da moeda, deseñado e gravado por Jim Licaretz, represéntanse as tres tipoloxías da Medalla de Honra dos Estados Unidos, relativas a cada corpo das Forzas Armadas: Exército de Terra, Armada e Forzas Aéreas, xunto coas características cintas estreladas. Na parte superior engádense os lemas LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), tradicionais das moedas estadounidenses, así como a data de emisión da moeda, e na parte inferior a expresión MEDAL OF HONOR e a dobre data da conmemoración do 150 aniversario: 1861 - 2011.[1][2]
Pola súa banda, o reverso, deseñado por Richard Masters e gravado por Phebe Hemphill, reproduce unha escena dun soldado de infantaría contemporáneo levando no lombo un compañeiro ferido, en lembranza do valor e do espírito de sacrificio de todos os receptores da medalla.[2] O motivo escollido cumpre ademais cos criterios establecidos polo Congreso en 1963, que esixen que todas as Medallas de Honra sexan outorgadas por accións heroicas en combate. O lema E PLURIBUS UNUM e a mención do nome do país e do valor facial da moeda completan o deseño do reverso.[1]
Produción e comercialización
A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[3] A moeda produciuse na Casa da Moeda de San Francisco na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou as moedas con acabamento especial (proof), e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 25 de febreiro de 2011.[1][2][6]
A súa produción foi de 44.752 moedas na súa condición estándar e 112.833 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 157.585 exemplares.[2][7]
A moeda comercializouse aos prezos de 59,95 dólares en condición estándar e 54,95 en versión proof e, consonte a lei que autorizou a súa emisión, 10 dólares da venda de cada moeda foron destinados á Fundación da Medalla de Honra do Congreso, para axudar a perpetuar o legado da medalla financiando programas para promover os valores do sacrificio, o servizo altruísta e o patriotismo entre a poboación dos Estados Unidos.[1][2]