Drácula de Bram Stoker (en inglés: Bram Stoker's Dracula) é un filme de horror e romance, estreada en 1992 e dirixida por Francis Ford Coppola. A historia baséase no libro Drácula de Bram Stoker. Actúan entre outros Gary Oldman, Keanu Reeves, Anthony Hopkins e Winona Ryder. Estreouse en galego na TVG o 10 de marzo de 2009.[4]
Como en moitas outras ocasións a película viu como resultado dun longuísimo proceso de preparación, e respondía a fins creativos de Coppola, non comerciais. O seu obxectivo principal era revitalizar o personaxe de Drácula adaptándoo ó gusto contemporáneo, o que Coppola procurou mediante dúas novidades: recuperar boa parte da novela de Bram Stoker, eliminando engadidos doutros filmes, e por outro lado presentar o lado humano e sentimental do protagonista, máis alá do morbo sexual suxerido en versións anteriores. Para iso, Coppola reconstrúe o pasado do conde Drácula "antes de" ser Drácula, e o presenta como un condenado, un maldito.
Ó contrario que noutras versións, Coppola ambienta a acción na época vitoriana, a de Bram Stoker, cando a súa novela foi publicada asentando o mito do vampiro fusionando personaxes e tradicións de orixe dispar. Coppola amosa o Londres anterior a 1900 dun xeito moi orixinal. Fronte á Romanía rural, oponse a cidade ilustrada con estética mestiza, entre europea e asiática. A ambientación do cabaleiro Drácula, no século XV, é moi elocuente, así como certas vestimentas de Drácula maior (como un quimono vermello de longa cola). Esta visión do protagonista choca coa tradicional, de aristócrata con chaqué.
A banda sonora foi composta por Wojciech Kilar, e o seu tema principal foi interpretado por Annie Lennox.
Foi a novena película con maior recadación en 1992 con máis de 200 millóns de dólares. Gañou 3 Premios Oscar en 1992 (deseño de vestiario, maquillaxe e edición de son).
Sinopse
No ano 1890, o avogado Jonathan Harker viaxa a un castelo perdido de Transilvania, onde coñece ó Conde Drácula, que en 1462 perdeu ó seu amor Elisabeta durante a guerra contra os turcos, e por ese motivo renega de Deus e convértese nunha criatura maldita. O Conde, fascinado por unha fotografía de Mina Murray, a prometida de Harker, que lle lembra á súa Elisabeta, viaxa ata Londres "cruzando océanos de tempo" para coñecela. Xa en Inglaterra, intentará conquistar e seducir a Lucy, a mellor amiga de Mina.
Personaxes
Galardóns e nomeamentos
- 1992: 3 Oscars: Mellor vestiario, maquillaxe, efectos de son. 4 Nomeamentos.
- 1992: 4 nomeamentos ós BAFTA: Mellor maquillaxe, vestiario, montaxe e efectos visuais.
Notas