Dora de Pédery-Hunt, nada en Budapest o 16 de novembro de 1913 e finada en Toronto o 29 de setembro de 2008, foi unha escultora e deseñadora de moedas e medallas húngaro-canadense.
Pédery-Hunt foi a primeira muller canadense en deseñar un retrato dun monarca nas moedas do Canadá —o de Isabel II entre 1990 e 2003—; a segunda foi Susanna Blunt.
Dora de Pédery naceu en Budapest en 1913, filla do científico e pianista Atila de Pédery e da súa esposa Emilia.[1]
Dora estudou inicialmente Física, Medicina e Arquitectura, antes de elixir a arte como vocación aos 24 anos. Durante seis anos formouse na que hoxe é a Universidade Húngara de Belas Artes de Budapest, con profesores como Elek Lux, Béla Ohmann e József Reményi. En 1943 acadou o seu diploma de Mestría en Escultura.[2]
Logo da ocupación de Hungría por parte da Alemaña nazi en marzo de 1944, a súa familia decidiu fuxir cara ao oeste, a Helmstedt, Alemaña, temendo o avance soviético desde o leste. Oito meses despois, chegaron a Hannover, onde o seu pai atopou traballo,[1] aínda non tardou en caer en mans das forzas aliadas.[3]
En 1948 Dora emigrou ao Canadá.[4] Chegou a Toronto e alí traballou como ama de chaves dunha familia durante un ano. Logo foi profesora de Arte nun instituto, traballo para o que percorría diariamente oito quilómetros a pé. Tamén realizou traballos esporádicos como pintar deseños en mobles infantís, limpar estudios de artistas e facer adornos de Nadal para amigos e para tendas de agasallos".[1]
En 1949 casou con Vela Hunt, un xornalista húngaro a quen coñecera xa na súa etapa de Hannover. A parella divorciouse en 1961.[1]
Dora de Pédery-Hunt morreu en Toronto como consecuencia do cancro colorrectal que padecía, o 29 de setembro de 2008, aos 94 anos.[3] Foi sepultada no Cemiterio e Crematorio Municipal de Toronto.[5]
Logo do seu matrimonio, Dora de Pédery-Hunt dedicou os sete anos seguintes a esculpir na mesa da súa cociña. En 1956 realizou un gran retrato en pedra artificial de Frances Loring, a súa amiga e colega escultora, que presentou á Exposición Nacional Canadense. Alí viuno Alan Jarvis, tamén escultor e director da Galería Nacional do Canadá, quen xogou un papel fundamental na súa adquisición para unha colección permanente desa entidade.[1]
A partir de entón, Dora de Pédery puxo o foco na produción de esculturas a pequena escala e de medallas. Animada por Jarvis, solicitou unha axuda do Consello das Artes do Canadá e en 1958 recibiu unha bolsa para estudar as medallas expostas en diversas galerías, museos e catedrais de Europa. Ao seu regreso a Toronto, decidiu centrarse na arte da medalla, e a súa primeira encarga foi unha medalla do Consello das Artes do Canadá outorgada á excelencia nas artes, as humanidades e as ciencias sociais. En 1961 creou tamén un medallón de bronce fundido de dez centímetros de diámetro no que xuntou motivos da música, a danza, a literatura, a pintura e a escultura.[1]
En 1963, foi elixida membro da Sociedade de Artistas de Ontario.[2] Foi tamén membro fundadora da Academia Canadense do Retrato e da Sociedade de Arte da Medalla do Canadá.[6] Durante vinte e cinco anos, representou o Canadá como delegada ante a Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM),[7] á que estaba afiliada desde 1965.[8] Tamén foi elixida membro da Sociedade de Escultores do Canadá en 1953,[6][9] da Real Academia Canadense das Artes en 1967,[10] da Sociedade Húngara de Artes Aplicadas e da Asociación Feminina Húngara de Belas Artes.[1]
Á parte da súa traxectoria como creadora, tamén se dedicou á docencia, como profesora de escultura na Northern Vocational School de Toronto (1949-1960), na Women's Art Association (1956) e no Ontario College of Art (1957).
Entre as súas obras máis recoñecibles está a creación da efixie da raíña Isabel II que se utilizou para os anversos de todas as moedas canadense desde 1990 ata 2003,[3][11][12] rompendo a anterior tradición de utilizar na moeda canadense o mesmo retrato que o que caracterizaba a moeda británica.[7]
Pola súa banda, Canada Post utilizou o deseño da súa medalla de Donald Alexander Smith para un selo postal con valor de seis centavos.[13]
Ao longo da súa carreira, Dora de Pedery deseñou máis de 600 medallas, ademais dunha serie de pequenas esculturas de bronce conmemorativas de heroes e de heroínas canadenses. Parte da súa obra pode verse elas coleccións de máis de 70 museos e institucións de todo o mundo,[1] entre eles a Galería Nacional de Arte do Canadá, os Gabinetes Reais de Medallas da Haia e de Bruxelas, o Museo Británico e o Instituto Smithsoniano.[2][14][4][15]