Don Segundo Sombra

Don Segundo Sombra
Portada da primeira edición da novela
Título orixinalDon Segundo Sombra
Autor/aRicardo Güiraldes
OrixeArxentina
Lingualingua castelá
Xénero(s)Criollismo
Data de pub.1926
Na rede
BNE: XX2011355
editar datos en Wikidata ]

Don Segundo Sombra é unha novela rural do escritor arxentino Ricardo Güiraldes, publicada en 1926 en San Antonio de Areco. A obra representa unha tentativa do autor de renovación da literatura gauchesca, xirando a trama arredor da figura do gaucho, evocándoo nun ton elexíaco como personaxe lendario.

Trama

Tumba de Segundo Ramírez.

A novela recolle as experiencias do autor nos pagos de San Antonio de Areco. Está narrada en primeira persoa desde a perspectiva dun rapaz -Fabio Cáceres-, contando o desenvolvemento espiritual e físico desde a adolescencia cara á madurez.

Comeza vivindo na casa das súas tías, mais escapa para vivir como gaucho seguindo os pasos de Segundo Sombra. Durante varios anos levan unha vida nómade pola Pampa arxentina, aprendendo os traballos relacionados co gando vacún e cabalar, como o arreo e a doma. Adoitan durmir nas leiras e estancias onde os requiren para traballar, comendo churrasco e bebendo mate e augardente. Ao tempo, coñece o amor e o ambiente festivo, mais tamén ten rifas con outros gauchos que se resolven con armas brancas.

O seu obxectivo, desde que merca o seu primeiro poldro, é xuntar cartos para ter un rabaño de cabalos. Logra xuntar unha morea de pesos apostando nunha loita de galos, mais pérdeo nunha carreira de cabalos.

Finalmente, Fabio recibe a noticia de que herda do seu pai unha considerable fortuna, entrándolle dúbidas sobre se debe ou non deixar a vida que leva xunto a Don Segundo.

O personaxe principal foi tomado do personaxe real de Segundo Ramírez.

Narración

A obra está narrada en primeira persoa. Conta con numerosas descricións, tanto da paisaxe como dos trazos físicos dos personaxes e dos animais.

Tempo

O tempo histórico está ambientado a comezos do século XX, durante a infancia do autor. É visible a emigración galega, con numerosos postos de pulpeiros rexentados por xente procedente de Galiza.

O tempo narrativo abrangue uns dez anos. Comeza cando na infancia do protagonista, pouco antes do paso á adolescencia. Logo a trama discorre cinco anos despois, no paso da adolescencia á vida adulta, e hai outra prolepse final, rematando a obra tres anos despois.

A narración fala das diferentes estacións do ano, habendo momentos de calor abafante e outros de tormentas e choivas torrenciais.

Linguaxe

A novela está escrita nunha linguaxe sinxela, aparecendo numerosos termos da xerga gaucha, especialmente nos diálogos. A pesar de ser unha obra narrativa hai numerosos recursos estilísticos propios da lírica, como comparación, sinestesia, imaxes e metáforas.

Amais, cáptase o espírito popular coa aparición de ironías, relatos populares, brincadeiras e chiscadelas.

Adaptacións

A novela foi levada ao cine en 1969 baixo dirección de Manuel Antín, con Héctor Alterio e Adolfo Güiraldes como protagonistas.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!