Diego Osorio de Escobar y Llamas, nado na Coruña en 1608 e finado en Puebla de los Ángeles (México) o 17 de outubro de 1673 foi un relixioso galego, bispo de Puebla (1656-73) e vicerrei interino de Nova España en 1664.
Traxectoria
Osorio foi inquisidor e vigairo xeral da diocese de Toledo. Foi membro do clero secular, aínda que moi próximo aos xesuítas. Foi elixido bispo de Puebla pola recomendación do cardeal Baltasar Moscoso y Sandoval.
Asumiu o cargo en 1656 e permaneceu nel ata a súa morte. Construíu o convento da Santísima Trindade, o templo do Oratorio de San Filipe Neri e apresurou a construción da catedral, pagando pola capela e o altar de Nosa Señora de Guadalupe. En 1663 foi nomeado arcebispo de México, mais declinou a oferta co fin de permanecer na cidade de Puebla, aínda que administrou a diocese durante uns meses ata a chegada do novo arcebispo, Alonso de Cuevas Dávalos).
Exerceu o cargo de vicerrei de Nova España durante case catro meses, do 29 de xuño ao 15 de outubro de 1664. Accedeu ao cargo para substituír o vicerrei Juan de Leyva de la Cerda, a quen se lle ordenou volver a España a causa da corrupción. Osorio aceptou o cargo con reticencia e foi un estraño nos asuntos profanos, renunciando ao vicerreinado na primeira oportunidade que dispuxo para regresar á súa diocese na cidade de Puebla.
Durante a súa administración enviou 30 000 pesos a Cuba para a reparación do castelo de Santiago e a reconstrución da cidade, que fora destruída polos ingleses en 1662. Tamén fundou a fábrica de pólvora e enviou parte da produción a Cuba. Tomou medidas para que a Armada de Barlovento se preparase para un ataque na costa do golfo de México e deu diñeiro para a fortificación de Campeche. Tamén reformou o servizo posta (que foi moito máis eficaz) e a comercialización de mercurio e interveu nunha controversia entre os franciscanos e o gobernador do Iucatán.
Despois de renunciar como vicerrei, o bispo Osorio tivo dificultades co seu sucesor, Antonio Sebastián de Toledo e foi recluído na cidade de Tlatlauquitepec ata 1666, cando puido regresar á súa diocese de Puebla. Morreu alí en 1673 e o seu corpo foi enterrado na catedral. Máis tarde trasladouse ao templo da Santísima Trindade, convento el mesmo fundara.
Escritos
- Alegación Jurídica por los Derechos Decimales de las Santas Iglesias del Noreste.
- Alegación Canónica por la Dignidad Episcopal Angelopolitana.
- Jurisdicción Apostólica Delegada y Ordinaria sobre Erección de Monasterios Religiosos.
Véxase tamén
Bibliografía
- Enciclopedia de México, vol.10. Cidade de México. 1988.
- García Puron, Manuel (1984). México y sus gobernantes. Cidade de México: Joaquín Porrua.
- Orozco Linares, Fernando (1985). Gobernantes de México. Cidade de México: Panorama Editorial. ISBN 968-38-0260-5.
Ligazóns externas