Diana Balmori Ling, nada en Xixón o 4 de xuño de 1932 e finada en Nova York o 14 de novembro de 2016, foi unha arquitecta paisaxista, profesora e deseñadora urbana española, recoñecida internacionalmente.[1] Foi tamén fundadora da empresa de deseño de paisaxes, Balmori Associates.[2]
Traxectoria
Primeiros anos
Nada en Xixón, pasou a maior parte da súa infancia en España e Inglaterra, antes de que a súa familia se mudase á Arxentina. A súa nai, Dorothy Ling, nada en Inglaterra, foi unha música e musicóloga de sona. O seu pai Clemente Hernando Balmori, era republicano e foi un dos lingüistas españois máis influentes.
Balmori foi unha nena moi creativa e imaxinativa, e sentiuse atraída polas artes dende temperá idade. Ela aprendeu a cantar, bailar, tocar o piano, e os seus pais animárona a explorar unha ampla gama de áreas, literatura, poesía, latín, grego, pintura e música. Á vez que incursionaba no mundo do deseño, o que deixou moitas influencias nela, mostrando amplamente o seu estilo de deseño único e exitoso.
Graduouse na escola secundaria ós 16 anos. En Tucumán, coñeceu a César Pelli con quen casou en 1950 e que posteriormente sería o seu socio.[2]
Formación
Diana Balmori ingresou á carreira de arquitectura na Universidade Nacional de Tucumán en 1949 e recibiu o seu título en 1952. Ese mesmo ano viaxou con Pelli ós Estados Unidos, onde naceron os seus dous fillos: Denis en 1953 e Rafael en 1956.
Entre 1964 e 1976 viviron nos Ánxeles, onde ela realizou o seu doutoramento en Historia Urbana na Universidade de California, que finalizou en 1973 con altas honras. O ano seguinte comezou a dar clases na State University of New York en Oswego até 1981.[2]
Traxectoria profesional
Socia de Pelli and Associates
En 1977, Balmori e Pelli radicáronse en New Haven, onde xunto a Fred Clarke formaron o estudio César Pelli and Associates. O estudio iniciou cun encargo de gran relevancia: o multipremiado proxecto para a renovación de MoMA de Nova York. Nos anos seguintes o estudo crece co World Financial Center e o Winter Garden en Battery Park. Este consiste en catro torres e unha praza pública aberta. O estudo obtivo a medalla de Ouro da AIA á firma do ano en 1989. Ela foi enfocando as súas achegas cara á arquitectura da paisaxe. Ese mesmo ano, Balmori finalizou os seus estudos de deseño da paisaxe no Radcliffe College. Ela desenvolvera un grande interese polo tema da paisaxe dende o punto de vista teórico e escribira sobre a obra de Beatrix Farrand, a paisaxista que ós 50 anos deseñou o campus de Dumbarton Oaks cuxos edificios eran obra de McKim, Mead & White.
O interese de Balmori na paisaxe e o deseño urbano xurdiu do seu interese nos espazos públicos, a forma no que son empregados e deseñados, e o seu papel e efecto nunha área máis grande. O seu estilo de deseño é recoñecido pola forma en que se crea unha interface fluída entre a paisaxe e a estrutura no desenvolvemento dos espazos públicos urbanos.[2]