A deterioración cognitiva leve ou deterioración[1] cognitiva lixeira (DCL) é unha desorde clínica que consiste na presenza de alteracións das funcións cognitivas (memoria, atención, linguaxe...) que non acadan a gravidade suficiente para considerarse demencia. Aparece recollido como “Trastorno Neurocognitivo Menor” no DSM-V[2] e como “Trastorno Neurocognitivo Leve” na CIE-11.[3]
A presenza de DCL está intimamente ligada a idade, de forma que as probabilidades de presentala aumentan a medida que unha persoa se vai facendo maior.[4][5] Deste xeito, considérase un estadio intermedio entre o envellecemento cognitivo normal e a demencia, onde se debe ter en conta a idade e o nivel educativo da persoa para a súa identificación. A prevalencia[6] do DCL na poboación xeral mundial oscila entre o 3 e o 19%, cunha incidencia de 8 a 58 por 1000 por ano.
O concepto DCL utilizouse por primeira vez en 1991,[7] pero non foi ata o 1999 cando Ronal C. Petersen e os seus colaboradores da Clínica Mayo[8] o definiron como unha entidade diagnóstica. Ao mesmo tempo que o concepto ía evolucionando, distintos autores e organizacións foron propoñendo criterios e puntualizacións para o seu diagnóstico, que na actualidade se resumen nos seguintes:[9]
Dentro do DCL existen diferentes subtipos, en función da cantidade de dominios cognitivos que estean afectados:[9][10]
O DCL considérase un estado prodrómico de demencia. Deste xeito, a presenza de DCL nunha persoa constitúe un factor de risco de progresión a calquera tipo de demencia, especialmente nos casos nos que as alteracións están presentes en dous ou máis dominios cognitivos (é dicir, nos DCL multidominio)[11][12]. Nos casos nos que a memoria está afectada, a maior probabilidade de progresión é especificamente a demencia tipo Alzheimer.
Malia todo, non todas as persoas con DCL evolucionan na deteriororación. Unha parte delas permanece estable ao longo do tempo ou incluso pode volver a un estadio de normalidade cognitiva onde o seu rendemento volve a ser normotípico. Isto débese a que existen diversos factores que poden afectar ao rendemento cognitivo durante a vellez, como problemas psiquiátricos, cardiovasculares, hormonais ou uso de fármacos, o que explicaría que algúns casos de Deterioración Cognitiva Leve sexan reversibles[6].