David e Aleixo Comneno reapareceron en 1204, cando a finais de marzo ou principios de abril dirixiron o exército xeorxiano, que lles deu Tamar, para ocupar Trebisonda[4][3]. Fundaron un imperio co nome da cidade e Aleixo foi proclamado emperador[5]. David como xeneral concentrouse en expandir as fronteiras do novo imperio cara ao oeste[6]. O exército trapisondés dirixido por David invadiu Paflagonia, que foi tamén reclamado polo Imperio de Nicea[7]. Isto deu lugar a un inmediato e longo conflito co emperador de Nicea Teodoro I Láscaris; a súa duración, con pausas certas, foi até 1207 ou 1208[8]. Despois que Láscaris conseguise ocupar Paflagonia, David retirouse a Sinope, onde se converteu en monxe e pasou a chamarse Daniel[9]. Morreu o 12 de decembro de 1212[9].
Traxectoria
David naceu en Constantinopla en aprox. 1184 durante o reinado do seu avó, Andrónico I Comneno[10]. O reinado do seu avó estivo marcado por un réxime tiránico e brutal e terminou co seu asasinato en 1185 polos seus súbditos.[11] A multitude tamén atacou o pai de David, Manuel, quen se converteu no herdeiro ao trono.[1] Manuel foi cegado e logo, moi probabelmente asasinado (ou morreu das infeccións das súas feridas)[1]. A súa esposa Rusudan, fuxiu asustada ao reino de Xeorxia cos seus fillos, David e Aleixo[10]. Probabelmente en 1200 David co seu irmán Aleixo, estiveron en contacto con Xoán Comneno o Gordo, para derrocar a Aleixo III Anxo do trono do basileus, pero o golpe de estado fracasou[12].
Fundación do Imperio de Trebisonda
En abril de 1204, mentres Constantinopla estaba asediada polos cruzados, David e Aleixo, que eran membros da corte da súa tía Tamar de Xeorxia, preguntaron se ela podería darlles un exército para conquistar os territorios turcos, co fin de crear un estado e así continuar coa dinastía dos Comnenos[13][10]. A raíña accedeu á petición dos seus sobriños, e proporcionoulles as tropas necesarias, coas cales podían conquistar as cidades de Oinaion, Trebisonda e Sinope, os territorios orixinais da familia que gobernara o seu avó até 1182 e que se atopaban na parte norte de Asia Menor, até os pasos da cadea do Ponto e que os turcos conquistaran[4]. Os dous irmáns decidiron que Aleixo gobernase sobre estes territorios, mentres que David e o exército seguirían coas conquistas cara ao oeste[14]. Mentres os dous irmáns conquistaban os territorios orixinais da súa familia, o 13 de abril de 1204 Constantinopla caeu ante os cruzados[15]. Entre tanto David avanzou cara ao oeste co exército xeorxiano, incrementando as súas filas con mercenarios locais, e con este exército conquistou o Ponto e Paflagonia, territorio onde estaba Kastamonu, o ancestral castelo da familia dos Comnenos[16]. David conquistou os territorios no oeste, incluíndo a cidade de Heraclea Póntica e aspiraba a conquistar Constantinopla[16].
Despois de crear este novo estado os dous irmáns, ambos os emperadores, dividiron as ganancias á metade: no Leste gobernaba Aleixo e no Oeste o belicoso David[17]. David e Aleixo, como herdeiros de Andrónico I, reclamaron o título de lexítimos sucesores do Imperio bizantino, nomeándose como os emperadores romanos, ou Grandes Comnenos[8].
Expansión e resistencia do Imperio
Aleixo deixou sen obxección o mando do exército imperial en mans de David, que era un gran estratego e era moi valente en batalla[18]. O exército de David loitou contra os nicenos, dirixidos por Teodoro I Láscaris, en Bitinia en 1205, pero foron derrotados, polo que o avance foi detido na cidade trapisondesa de Heraclea Póntica[19]. Os trapisondeses non puideron reorganizarse como querían os soberanos, xa que os selxúcidas comezaron a atacar as súas fronteiras[19]. En 1205 Trebisonda foi cercada polos selxúcidas, dirixidos polo sultán Kaikosru I, pero o irmán de David foi quen de resistir e en 1206 os selxúcidas retiráronse[19].
Escapando do perigo de caer a capital, os trapisondeses puideron reorganizarse de novo para continuar a guerra contra os nicenos[18]. David comezou o seu avance en Bitinia e enviou ao xove xeneral Sinadeno para ocupar a cidade nicena de Nicomedia[16]. Sinadeno, sen ter en conta o perigo que corría ante o emperador Teodoro I Láscaris, atravesou unha pasaxe no que era fácil esperar unha emboscada, e de feito varios homes de Teodoro arroxáronse contra os de Sinadeno, atacáronos e tomárono como prisioneiro[16].. Coa derrota trapisondesa, David viuse obrigado a recoñecer a fronteira co Imperio de Nicea na cidade de Heraclea Póntica, aínda que os nicenos tamén reclamaron a cidade para eles[16]Mentres David estaba a loitar contra os nicenos, Aleixo fixo da costa de Crimea un vasalo do Imperio de Trebisonda[20].
Entre tanto David, que non quería renderse ante os nicenos, conseguiu unha alianza co emperador latinoHenrique de Flandres contra o Imperio de Nicea[21]. Dado que a belicosidade de David non diminuíu, Teodoro decidiu invadir o Imperio de Trebisonda organizando un exército baseado principalmente en arqueiros[22]. Estas tropas tiñan unha moral moi alta e rapidamente conquistaron o distrito de Plusias[22]. O exército niceno tamén puxo sitio a Heraclea Póntica cando regresou, xa que os latinos baixo o mando de Thierry de Loos capturaran Nicomedia[23].
Pero pouco despois os latinos tiveron que abandonar a cidade, xa que foron chamados a Tracia, onde o Imperio Latino estaba a ser invadido polos búlgaros. David pediu ao emperador latino incluílo nas negociacións cos nicenos e, a cambio, converteríase no seu vasalo[24]. David usou este movemento pois sabía que non podía resistir só contra o exército niceno, e preferiu ser nominalmente un súbdito latino, en lugar de perder o seu territorio ante os nicenos[25]. O emperador latino aceptou a proposta de David, e inmediatamente enviou á fronteira entre Nicea e Trebisonda 300 auxiliares francos, que cruzaron o río Sangarios e durante a viaxe devastaron as aldeas nicenas da comarca e recuperaron o distrito de Plusias[16]. David retirouse, pero os francos, con imprudencia temeraria, avanzaron ás montañas e foron atacados por sorpresa por Andrónico Guido, un xeneral niceno, nun paso abrupto, preto de Nicomedia[16]Todos os francos foron masacrados, excepto un, que se salvou co fin de dicirlle ao seu emperador o que sucedera[16].
Últimos anos e morte
Tras a derrota dos francos, Teodoro I Láscaris aproveitou a oportunidade para atacar os territorios controlados por David, quen non puido resistir dado os poucos homes que tiña, así que todos os seus territorios reducíronse, fóra dalgunhas pequenas aldeas[26]. A situación fíxose aínda máis catastrófica cando os selxúcidas dirixidos polo sultán Kaikaus I, ao ver débil o Imperio de Trebisonda, decidiron atacalo, pondo así en asedio a Sinope en 1212[9][21]. A cidade foi defendida por David e Aleixo, quen chegou para axudar ao seu irmán, pero David morreu durante o asedio o 12 de decembro de 1212[21]. A cidade caeu en mans dos selxúcidas e Aleixo foi capturado[24].
Coniata. Grandezza e catastrofe di Bisanzio(en italiano). Milano: Mondadori. ISBN88-04-37948-0.
Finlay. The history of Greece from its conquest by the Crusaders to its conquest by the Turks, and of the empire of Trebizond, 1204-1461(en inglés). University of Michigan Press. ISBN1150606843.
Lilie. Bisanzio la seconda Roma(en italiano). Roma: Newton & Compton. ISBN88-541-0286-5.
Miller. Trebizond: The Last Greek Empire of the Byzantine Era(en inglés). Chicago.
Ostrogorsky. Storia dell'Impero bizantino(en italiano). Milano: Einaudi. ISBN88-06-17362-6.
Ravegnani. Bisanzio e Venezia(en italiano). Bologna: Il Mulino. ISBN8815109269.
Ravegnani. Introduzione alla storia bizantina(en italiano). Bologna: Il Mulino. ISBN8815126791.
Savvidēs. Byzantium in the Near East: its relations with the Seljuk sultanate of Rum in Asia Minor, the Armenians of Cilicia and the Mongols, A.D. c. 1192-1237(en inglés). Kentron Vyzantinōn Ereunōn.
Vasiliev. The Foundation of the Empire of Trebizond 1204-1222(en inglés). Speculum 11.