David é a capital do distrito do mesmo nome e da provincia panameña de Chiriquí. Ocupa o quinto posto das cidades por poboación do país, segundo o censo do ano 2010. Foi fundada en 1602 co nome de San José de David durante a colonia española.
É o principal centro urbano do distrito, onde se atopan as principais institucións públicas, ademais dos maiores centros comerciais. A súa área metropolitana posúe arredor de 97.000 habitantes, e 47.000 son urbanos, dando ao distrito de David en total aproximadamente 144 000 habitantes.[1]
David atópase sobre unha planicie costeira a uns 30 quilómetros do océano Pacífico. Caracterízase por ser o centro da actividade comercial, gandeira e agroindustrial da provincia de Chiriquí.
Toponimia
O nome de David foi dado polos xudeus conversos que chegaron nas súas primeiras viaxes a América logo da Inquisición e cristianización forzada iniciada en España, segundo informes de fontes varias. Ademais, naquel lugar pasaba o camiño que comunicaba a América Central coa cidade de Panamá, este camiño era chamado "Paso da Sacra" ou "Camiño Real".