A datación por radiocarbono, tamén coñecida como datación con carbono-14, é un método radiométrico usado para determinar a idade de materiais orgánicos. Este método aproveita o isótopo radioactivo carbono-14 (14C), presente en todas as substancias orgánicas. Os isótopos de carbono comúns non son radioactivos, pero o 14C si o é, e a súa vida media é de aproximadamente 5.730 anos. Iso permite estimar a idade de obxectos orgánicos até uns 60.000 anos atrás. As datas xeradas por este método adoitan referirse ao ano 1950 como o presente.
Durante a súa vida, as plantas absorben dióxido de carbono atmosférico mediante a fotosíntese, e este carbono é asimilado polos animais ao nutrirse das plantas. Este intercambio de carbono-14 mantense mentres o organismo está vivo. Cando morre, cesa a absorción de 14C, iniciándose a súa desintegración radioactiva. Hessel de Vries descubriu en 1958 que a concentración de 14C na atmosfera non é constante, senón que varía co tempo e a localización debido, entre outras cousas, ao bombardeo variábel de raios cósmicos sobre o nitróxeno atmosférico.[4]
Estas variacións poden causar imprecisións nos cálculos cronolóxicos; porén, para mostras de até uns 20.000 anos, os resultados poden ser calibrados e comparados coa dendrocronoloxía, o estudo dos aneis de crecemento nas árbores.
Willard Libby e o seu equipo da Universidade de Chicago desenvolveron este método en 1949. Libby foi recoñecido co Premio Nobel de Química en 1960, tras demostrar a precisión deste método ao datar madeira dunha antiga barcaza real exipcia da que se coñecía a idade a partir de documentos históricos.[5] [6]