Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Córneas.
Santiago de Córneas é unha parroquia do concello lucense de Baleira.
Xentilicio
O seu xentilico é corneallo/a[2].
Localización e características
Limita coas parroquias da Esperela e Fontaneira, e cos concellos da Fonsagrada, Becerreá, Navia de Suarna e Baralla. A parroquia pertence ó arciprestado de Valdepedroso. Ten 236 habitantes, distribuídos en 23 entidades ou núcleos, cunha densidade media de 8 hab/km² no 2013. Até hai pouco tempo conservábanse pallozas en Vilagarcía, Rebedul, Vilardoi, Vilela e Albaredo.
As entidades de poboación son as seguintes: Albaredo (10), Antiguallas (14), A Azoreira (6), As Bouzas (5), Córneas (5), Escanlar (10), Fontecavada (9), Fontela (12), A Gasalla (14), Montouto (12), Paradela (5), Pereira (9), A Rasela (abandonada), Rebedul (18), A Reboleira (1), Solleiros (3), Surriba (10), Valinfolgueiro (11), Vilagarcía (22), Vilanova (7), Vilardoi (24), Vilarín de Córneas (15) e Vilela (14).
A súa altitude media é de 560 metros.
Patrimonio
A igrexa parroquial de Santiago de Córneas ten planta rectangular dividida en tres naves afastadas por dúas fieiras de dúas columnas e dúas pilastras cada unha. O presbiterio é cadrado, e nun lateral acaróase a sancristía de planta rectangular. Os muros que a conforman son de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta de lousa a dúas e tres augas. Ao presbiterio accédese por un arco de medio punto que se asenta sobor dúas pilastras, con bóveda apuntada. O frontis ten un plano saínte na zona central, con portada de arco de medio punto, óculo e espadana de dous vaos. Sobre a portada hai unha pedra cuberta con cal coa data de erección desta, no século XVIII. Conserva no interior tres retablos, de estilo barroco coma o do altar maior.
As aldeas conservan a súa disposición tradicional. Na aldea de Antiguallas o núcleo de poboación está formado por varias casas feitas con muros de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e cubertas do mesmo material. Son varios os hórreos e cabazos que se conservan, realizados con madeira, ramas de árbores e cuberta de palla de centeo. A aldea sitúase sobre un castro.
Lugares e parroquias
Lugares de Córneas
Parroquias de Baleira
Notas
Véxase tamén
Outros artigos