Unha crátera, cratera ou cráter[2][Cómpre referencia] (do grego κράτηρ) é un recipiente de cerámica de gran capacidade destinado a conter unha mestura de auga e viño coa que se enchían os vasos; os antigos raramente bebían viño puro. Levábase ao lugar da comida e depositábase no chan ou nunha plataforma. Nun simposio grego, os cráteres colocábanse no centro da sala. Como eran grandes, non eran fáciles de levar. Polo tanto, a mestura de viño e auga era retirada do cráter con outras vasillas de kilix máis pequenas. O copeiro (chamado pincerna ou pocillatoren latín) administraba o líquido cun cullerón ou kyathos (chamado cyathus en latín) e enchía as copas (pocula ou calices) dos convidados.
Tipos
As cráteras fabricábanse en barro e en metais preciosos e eran modeladas con formas distintas, ao gusto do artista. Tiña sempre unha boca ancha. As formas máis estendidas e que se atoparon nas escavacións son:[3]
Crátera de columnas, con asas verticais como fustes, que están rematadas por un saínte horizontal. É a forma máis antiga.
Crátera de volutas. Chámase así porque as súas asas, que sobresaen por encima da boca, forman volutas, é dicir, en forma de espiral ou caracol. Mantivéronse até o s. IV a.C.
Crátera de cáliz, que lembra ao cáliz das flores e cuxo perfil ten forma case de trapecio investido. É un tipo máis moderno que os dous anteriores.
Crátera de campá, con asas saíntes e dirixidas cara a arriba e con forma de campá investida. É un tipo de uso tardío, da época final das pinturas de vasos.