O Conservatorio Nazonal do Arte Galego[1] foi unha iniciativa das Irmandades da Fala, creado na Coruña en 1919 pola Irmandade coruñesa. Á fronte do mesmo, durante os seus primeiros meses de existencia, estivo Fernando Osorio Docampo, un actor profesional formado en Lisboa con Júlio Dantas. Supuxo un pulo considerable para o teatro galego, xa que mentres no ano 1917 apenas se representaron unha ducia de pezas en 1919 foron 52 as obras teatrais que se puxeron en escena [2].
Historia
No mes de xaneiro de 1919, anunciouse a creación do Conservatorio Nazonal do Arte Galego. Coa súa fundación, a dramática galega experimentou o impulso que precisaba, sobre todo despois da disolución da Escola Rexional de Declamación (1903-1905). Estamos, pois, ante unha nova tentativa de profesionalizar o teatro galego, formando os actores nas modernas técnicas teatrais traídas por Osorio de Lisboa. Alén disto, buscábase ampliar tanto a duración das obras como o repertorio da dramática nacional, un teatro innovador e de calidade estética.
Mais o xurdimento do Conservatorio perseguía igualmente cumprir con obxectivos políticos e sociolingüísticos. Por unha parte, buscábase crear un teatro en galego que fose atractivo para as minorías cultas, ás que xa non lles atraía o teatro rexionalista e que, en moitos casos, asistían ás representacións máis por unha sincera convicción política que pola calidade das pezas.
Primeiras representacións
Sabedores destas necesidades, os membros da Irmandade coruñesa (sobre todo Antón Vilar Ponte) encargaronlle a Ramón Cabanillas que escribise unha peza onde se reunisen todas estas características. Esa obra foi A Man de Santiña, obra impactante nó seu día para o público galego só polo feito de presenciar nunha determinada parte da obra unha conversa entre tres "señoritas" de clase acomodada, vehiculada na lingua do país e sobre un tema tan inaudito de escoitar en galego ata aquel entón como era o da moda (temática que os prexuízos da época asociaban á lingua española)[Cómpre referencia].
Así, o 22 de abril de 1919, no Pavillón Lino da Coruña, o Conservatorio Nacional de Arte Galega ofreceu a súa primeira función, cuxa obra principal foi, precisamente, a peza do "Poeta da Raza" arriba citada, A Man de Santiña. Debido á curta extensión desta peza, a sesión completouse con Uma Anécdota, do dramaturgo luso Marcelino Mesquita. A falta de precedentes dentro do teatro galego que encaixasen co ideal de dramática nacional que as Irmandades querían promover, provocou que se botase man dunha obra portuguesa.
A estrea do Conservatorio foi un éxito en todos os sentidos. Tan boa foi a súa acollida que, en maio de 1919, anunciouse a estrea de Donosiña, de Xaime Quintanilla. Mais este drama en tres actos do escritor ferrolán presentaba o tema do adulterio e do matrimonio de conveniencia, a través dun enredo amoroso. Ademais, nun determinado momento, a obra ofrecíalle ao público a visión dunha muller bicando nos labios a un home (que, aínda por riba, non desenvolvía o papel do seu marido, senón do seu amante), algo para o que non estaba preparado o público galego daquela. Por isto, Donosiña e Quintanilla suscitaron involuntariamente unha grande polémica no mundo dramático galego. Para calmar os ánimos e non dividir as forzas do aínda feble teatro galego, o Conservatorio desapareceu como escola, ficando unicamente como cadro de declamación da Irmandade[Cómpre referencia]. E, Osorio, o seu director, formou a súa propia compañía, a cal non lle deu os beneficios económicos necesarios como para vivir do teatro, polo que tivo que emigrar. Antes da súa marcha, Fernando Osorio deixou un duro artigo na prensa no que deixaba constancia da súa iracunda opinión sobre os actores amadores e o público galego.
Segunda etapa
A partir de 1920, fíxose cargo do cadro de declamación do Conservatorio o actor Lois Lafuente, quen continuou na liña de ofrecer postas en escena de obras portuguesas (Amanhã, de Manuel Laranjeira; Fim de Penitência, de Marcelino Mesquita; e mais Mater Dolorosa, de Júlio Dantas), as cales se combinaron con estreas obras galegas como Entre Dous Abismos de Antón Vilar Ponte; A Tola de Sobrán, de Francisco Porto Rei ou San Antón Casamenteiro, de Avelino Rodríguez Elías. Alén disto, o Conservatorio representou pezas anteriores á súa fundación como O Fidalgo (1918) de Xesús San Luís Romero ou obras da autoría do dúo conformado por Uxío Charlón e Manuel Sánchez Hermida (coñecidos como Charlón e Hermida), que non respondían ao espírito universalista que as Irmandades pretendían inferirlle ao teatro.
A segunda temporada do Conservatorio (1920-1921), que estivo dirixida por Rodrigo García, botouse a andar coa estrea de Maria Rosa, de Gonzalo López Abente, obra que suscitou unha nova polémica, posto que o por daquelas machista público galego e mais os sectores máis radicalmente católicos das Irmandades non estaban a favor de que se representase unha peza de temática feminista e na que se critican os ben asentados prexuízos sexistas existentes e maioritarios na sociedade nos anos de 1920[Cómpre referencia].
Para calmar os caldeados ánimos, este cadro de declamación levou a escena pezas onde se volveu á visión tradicional da muller, como Rosas de Todo o Ano e Soror Mariana, de Júlio Dantas, Roncar sem Dormir de Castro Soromelho e Os Dous Xordos, de Manuel Lourenço Roussado.
Finais
Na terceira e derradeira temporada (1921-1922), de novembro de 1921 a marzo de 1922, este cadro de declamación representou maioritariamente obras portuguesas e, de marzo a xuño, practicamente só autores galegos. Ademais, a partir de febreiro de 1922 o Conservatorio Nacional de Arte Galega pasará a chamarse Escola Dramática Galega e estivo dirixido por Leandro Carré Alvarellos. Nos seus catro anos de existencia (1922-1926) a Escola Dramática Galega fixo camiñar o teatro polos vieiros do costumismo e do ruralismo. De todas as maneiras, o Decreto de Separatismo publicado en 1923 polo xeneral Miguel Primo de Rivera, só permitía a utilización das chamadas neste documento legal "linguas rexionais" en representacións de tipo ruralista e folclórico, polo que non permitía unha vía diferente á que estaba a promover Leandro Carré Alvarellos. As obras que escapaban destas tendencias podían ser publicadas, mais non levadas sobre o taboado, debido a que a súa difusión no papel era moito menor que na escena, posto que estas pezas serían lidas por minorías cultas xa convencidas do ideario galeguista. Alén disto, este decreto pouco ou nada puido afectarlle á Escola Dramática Galega posto que esta deixou de realizar representacións co inicio do réxime ditatorial de Primo de Rivera.
O Conservatorio Nacional de Arte Galega supuxo unha tentativa de aguilloar de xeito definitivo o teatro en Galiza, promovendo unha dramática innovadora e de corte europea para a que non estaba preparada o aínda conservador público galego.[Cómpre referencia]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos