O Colectivo Libertario Arco da Vella foi unha organización anarcocomunista de ámbito galego fundada en 1979[1]. Participou nas negociacións para a formación do Bloque Nacionalista Galego en 1982, chegando asistir á súa I Asemblea Nacional fundacional no Frontón de Riazor, na Coruña. Finalmente decidiu abandonar como consecuencia do nome elixido[2].
A comezos dos 80 publicou en Santiago de Compostela catro números da revista Arco da Vella, escrita integramente en lingua galega e que contou cunha tirada de 1000 exemplares, con depósito legal. Tiña unha liña claramente anarcocomunista, libertaria, galeguista e pro-CNT e nela se trataban temas como a identidade galega ou o antimilitarismo[3].
É citada en diversos foros e publicacións como organización anarcoindependentista xunto con outras como a que sería a súa homóloga en Euskadi, Askatasuna. Unha das súas militantes de máis relevancia sería Rosa Bassave[1], colaboradora na revista homónima así como en A Nosa Terra.