O Club Deportivo Pontellas é un club galego de fútbol que naceu en 1962 na parroquia porriñesa de Pontellas. Na actualidade xoga no Grupo Sur da Preferente Galicia.[2]
O club fundouno en 1962 Aníbal Domínguez, un emigrante retornado do Brasil. A súa afección polo Fútbol Club Barcelona levou a vestir o Pontellas coas mesmas cores có equipo catalán. Comeza a competir no ano 1969 na segunda comarcal de Vigo e debuta na Preferente na tempada 1995-96.
Na tempada 2018/19 proclamouse campión da Preferente por primeira vez na súa historia, conseguindo o ascenso a Terceira División cun dos orzamentos máis baixos da categoría.[3] Esa primeira posición valeulle tamén para xogar por primeira vez na súa historia a Copa do Rei. O novo formato da competición permitiulle xogar a rolda previa interterritorial, na que foi eliminado polo Tolosa CF (1-0).[4]