É o máis pequeno dos armadillos. Mide tan só de 12 a 15 cm de lonxitude, excluíndo a cola, que ten forma de espátula e mide de 2 a 3 cm; o seu peso rolda os 120 g.
A coiraza, de cor rosada pálida, está formada por de 23 a 25 filas de placas óeas cubertas por unha capa córnea. A rexión ventral está cuberta por longos pelos brancos (ten así mesmo algúns pelos na armadura).
As catro patas rematan en cinco dedos equipados con garras.
É un animal nocturno. Escava os seus tobos na terra, xeralmente cerca de formigueiros. Cando se sente ameazado, escava na terra a gran velocidade até enterrarse por completo.
Ao longo do tempo, o xénero coñeceuse tamén, ademais de polo nome cuñado por Harlan, e actualmente válido polos seguintes sinónimos:[3]
Chlamydophorus Wagler, 1830
Chlamiphorus Contreras, 1973
Chlamydephorus Lenz, 1831
Chlamydiphorus Bonaparte, 1831
Especie
Pola súa parte, a especie tamén se coñece polos sinónimos seguintes:[4]
Chlamyphorus minor (Lahille, 1895)
Chlamyphorus ornatus (Lahille, 1895)
Chlamyphorus patquiensis Yepes, 1931
Chlamyphorus typicus (Lahille, 1895)
Etimoloxías
O nome científico do xénero, Chlamyphorus, está formado polos elementos do latín científicochlamy-, tirado do latín clásicochlamys, -ydis, "clámide" (certa capa grega, capa ou manto sen mangas, especialmente dos guerreiros das cabalarías), que á súa vez deriva do grego antigo χλαμύς chlamýs (co mesmo significado), e -phorus, calco da grega -φορος -phoros, que significa "portador", "o que leva", derivada do verbo φορέω phorĕō, "levar dun lado a outro", "transportar·, "levar sobre si", "usar", "gastar". O específico, truncatus, "truncado", é o participio do verbo truncare, "truncar", "cortar pola punta", "amputar", "mutilar". Polo tanto o nome da especie significa, literalmente, "o que leva a clámide truncada" (aludindo á coiraza cortada na súa parte posterior).
En canto ao nome vulgar do castelán da Arxentina, pichiciego, empregado na literatura internacional, deriva do mapuche ou araucano pichi, "pequeno", e o castelán ciego, "cego".
Estado de conservación
Desde 1970 o pichiciego menor está na lista de especies en risco de extinción. A causa principal é a destrución do seu hábitat polo avance dos cultivos. Por esta razón, e polos seus hábitos nocturnos, estes animais son raros de ver. Non hai esforzos serios por preservar a especie.
Desde 2008, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status desta especie como DD (datos insuficientes) porque hai pouca información sobre o estado da súa poboación, e a súa bioloxía e ecoloxía son pouco coñecidas. En toda a súa área de dispersión estase a producir unha importante degradación do seu hábitat, especialmente debido á explotación do gando (especialmente o caprino, aínda que o efecto real sobre a poboación deste armadillo non se coñece ben.[1]
McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
VV. AA. (1968): "Dasipódios" en Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 86–88.