O castelo San Felipe de Barajas é unha fortificación que se atopa na cidade de Cartaxena de Indias, en Colombia. O seu nome real é Forte de San Felipe de Barajas. Está situado sobre un outeiro chamado San Lázaro e foi construído en 1657 durante a época colonial española. Sufriu constantes ataques por parte dos ingleses e franceses, sendo o comandante francés Barón de Pointis quen tomase o castelo a mediados de 1697.
En 1984, a Unesco incluíu o centro histórico da cidade de Cartaxena de Indias, o conxunto das súas fortificacións e o castelo San Felipe de Barajas dentro da lista de Patrimonio da Humanidade.[1] Considérase unha das sete marabillas de Colombia, recoñecemento que lle acredita como unha das máis grandes estruturas construídas en territorio colombiano, logo dunha enquisa realizada polo xornal El Tiempo.[2] Tamén forma parte do patrimonio histórico e cultural de Colombia, segundo o Ministerio de Cultura.[3]
Ao longo de toda a súa historia, a fortificación militar sufriu varias remodelacións co fin de evitar a súa deterioración e manter conservado un monumento importante, non só para a xente de Cartaxena, senón tamén para toda Colombia. Hoxe en día serve como un atractivo turístico e é o lugar de importantes eventos e reunións sociais. O 14 de abril de 2012, o castelo foi o escenario principal da cea de benvida na celebración do VI Cumio das Américas.[4][5]