A Casa Señorial de Raiküla (en estoniano Raikküla mõis; en alemán Gutshaus Rayküll) é un edificio de arquitectura clasicista situado no Condado de Rapla, Estonia.
A mansión é un dos exemplos máis belos da arquitectura clasicista de Estonia.[1] Esta Casa Señorial, que aparece mencionada por primeira vez en 1469, está relacionada coa aristocracia xermano-báltica de Curlandia, como as familias dos Staals, os Kankrins e os Keyserlings,[2] e foi un dos principais lugares de reunión para estes aristócratas.
O naturalista Alexander von Keyserling casou en 1844 coa condesa Zénaide Cancrin (1821-1885), filla do ministro de Finanzas do tsar Nicolao I Georg von Cancrin,[3] e adquiriu a mansión co dote do seu matrimonio; alí retirouse en 1847 cando deixou a súa carreira académica.
Na mansión naceu e viviu o filósofo conde Hermann von Keyserling (1880-1946), neto de Alexander, que foi o seu derradeiro propietario. Foi expropiada, como as de toda a nobreza terratenente, polo goberno da nova República de Estonia en outubro de 1919.[4]
A biblioteca da mansión é a biblioteca señorial máis grande de Estonia. O primeiro xardín de rochas de Estonia foi establecido na propiedade polo naturalista Alexander von Keyserling. A escaleira traseira do edificio, completamente renovada, constitúe unha sala de concertos perfecta.[1]
Despois dun incendio en 1960, a casa quedou en ruínas durante moito tempo. Actualmente [cando?] está sendo renovada. A aproximadamente a 1 km da mansión está o cemiterio familiar da familia de Alexander von Keyserling.[2] Na actualidade celébranse feiras de libros e espectáculos de verán.[1]