Carpa común

A carpa[2] común (Cyprinus carpio) é unha especie de peixes de auga doce de augas eutróficas que vive en lagos e grandes ríos de Europa e Asia.[3][4] As poboacións silvestres nativas considéranse vulnerables á extinción pola IUCN,[1] pero a especie foi tamén domesticada e introducida no medio ambiente por todo o mundo, e a miúdo é considerada unha especie invasora destrutiva,[3] e está incluída na lista de 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo. Cyprinus carpio dálle o nome á familia Cyprinidae.

Taxonomía

A carpa común ilustrada por Alexander Francis Lydon.

Presenta dúas subespecies, que son:

No pasado recoñecérase unha terceira subespecie, C. c. haematopterus (carpa do Amur) nativa do leste de Asia,[5] pero as autoridades recentes trátana como unha especie separada co nome C. rubrofuscus.[1][6] A carpa común e varios parentes de Asia nas súas formas puras poden ser distinguidos por merística (características cuantitativas) e tamén difiren en xenética, pero poden hibridarse, o que dificulta a distinción.[1][7] A carpa común pode tamén hibridarse con Carassius auratus.[8][9]

Historia

A carpa común é nativa de Europa e Asia e foi introducida en case todas as partes do mundo excepto nos polos. É a terceira especie máis frecuentemente introducida no mundo, e a súa historia como peixe cultivado remóntase aos tempos do Imperio Romano. As carpas úsanse como alimento en moitas áreas, pero son agora consideradas unha praga nalgnhas rexións debido á súa capacidade de eliminar por competencia aos peixes nativos.[10] A carpa común orixinal encontrouse nas terras do delta do Danubio hai uns 2.000 anos, e tiña unha forma de torpedo e cor amarela-dourada. Tiña dous pares de barbelas e un patrón de escamas desordenado. Os romanos construían estanques grandes para a crianza deste peixe no sur da Europa central (verificado polo descubrimento de restos de carpa común en asentamentos escavados na área do delta do Danubio). Como a acuicultura se converteu nunha rama rendible da agricultura, fixéronse esforzos para criar estes animais, e os sistemas de cultivo axiña incluíron estanques de desove e de crecemento.[11] A área de distribución da carpa nativa tamén se estende ao mar Negro, mar Caspio e mar de Aral.

Domesticáronse tanto as subespecies europeas coma as asiáticas.[5] En Europa, a domesticación da carpa para a alimentación foi estendida polos monxes entre os século XIII e XVI. As formas silvestres da carpa alcanzaran xa o delta do Rhin no século XII, probablemente con algunha axuda humana.[12] Entre as variantes que se orixinaron pola domesticación están a carpa espello, coas súas grandes escamas similares a espellos na liña lateral e sen escamas no resto do corpo (orixinada en Alemaña), a carpa de coiro (practicamente sen escamas agás preto da aleta dorsal), e a carpa koi toda cuberta de escamas (chamada 錦鯉 nishikigoi en xaponés, e 鯉魚 lĭ yú en chinés), que é unha variedade ornamental domesticada orixinada na rexión xaponesa de Niigata na década de 1820,[13] pero hoxe crese que, en realidade, a súa especie parental é probablemente unha carpa do leste de Asia, seguramente C. rubrofuscus.[1][6]

Fisioloxía

Cartpa silvestre holandesa

A carpa común silvestre é máis delgada que a domesticada, cunha lonxitude corporal que é catro veces a altura, carne avermellada e unha boca que sobresae cara a adiante. A carpa común pode medrar ata grandes tamaños se se lle dá alimento dabondo e espazo. A súa velocidade media de crecemento en peso é aproximadamente a metade da velocidade de crecemento de carpas domesticadas[14][15] Non chegan ás lonxitudes e pesos das carpas domesticadas, as cales[3] poden crecer a unha lonxitude máxima de 120 cm, un peso máximo duns 40 kg,[3] e unha idade máxima rexistrada de 65 anos, pero tamén existe información fiable de carpas nishikigoi que viviron 100 anos.[15][16] A carpa silvestre de maior tamaño rexistrada, pescouse con anzó en 2013 na Pesquería de Etang La Saussaie, Francia, pesaba 45,59 kg. O tamaño medio dunha carpa común é duns 40 a 80 cm cun peso de 2 a 14 kg.

Esqueleto dunha carpa.
Radiografía dunha carpa común

Como outros ciprínidos, as carpas comúns poden saltar da auga cando son ameazadas por depredadores, ou asustadas cando pasa unha barca.

Hábitat

Carpa do río Moldava na República Checa.

Aínda que é un peixe tolerante á maioría das condicións, prefire grandes corpos de auga de augas lentas ou encoradas con sedimentos brandos vexetais. Como é un peixe que forma bancos, prefiren estar en grupos de cinco ou máis. Viven na natureza en climas temperados en augas doces ou lixeiramente salobres cun pH de 6,5 a 9,0 e unha salinidade de arredor do 0,5%,[17] e temperaturas de 3 a 35 °C.[3] A temperatura ideal para eles é de 23 a 30 °C, e a desova empeza entre os 17 e 18 °C; sobreviven doadamente ao inverno en pozas cunha capa de xeo, con tal de que haxa algo de auga líquida baixo o xeo.[17] As carpas poden tolerar auga cun nivel de oxíxeno moi baixo, sorbendo aire na superficie.[4]

Dieta

A carpa común é omnívora. Pode tomar unha dieta herbívora de plantas acuáticas, pero prefiren buscar nos fondos insectos, crustáceos (incluíndo zooplancto e cangrexos de río), e vermes bentónicos.

Reprodución

Unha femia adulta típica poñedora de ovos pode poñer 300.000 ovos nunha soa desova.[18] Aínda que a carpa desova normalmene na primavera, en resposta a un ascenso nas temperaturas da auga e á chuvia, as carpas poden desovar moitas veces nunha estación. Nas operacións comerciais, a desova é a miúdo estimulada usando un proceso chamado hipofisación, no que se inxecta un extracto liofilizado da pituitaria no peixe. O extracto de pituitaria contén hormonas gonadotrópicas, que estimulan a maduración das gónadas e a produción de esteroides sexuais, o que acaba promovendo a reprodución.

Predación

Unha soa carpa pode poñer un millón de ovos nun ano,[4] pero as súas poboacións permanecen estables, polo que os ovos e as crías morren en enormes cantidades. Os ovos e as crías a miúdo son vítimas de bacterias, fungos, e unha gran variedade de pequenos depredadores que viven nas pozas. As carpas que sobreviven ata a idade xuvenil son depredadas por outros peixes como o lucio Esox lucius e o black bass Micropterus salmoides, e por diversas aves (como corvos mariños, garzas, patos como o Mergus merganser e aguias peixeiras)[19] e mamíferos (como a lontra e o visón).

Xenética

Exemplo de mutante producido a partir da carpa común (esta pesa máis de 20 kg)
Carpa no estanque de patos do Herbert Park, Dublin, Irlanda
Carpa koi alimentándose. As koi son unha variedade ornamental de carpas domésticas que se teñen en estanques de xardín. Aínda que a especie parental da koi foi antes considerada a carpa común, as autoridades recentes cren que se orixinou dunha carpa do leste de Asia, posiblemente C. rubrofuscus.[1][6]

A xenética de poboacións e a dinámica de poboacións silvestres foron alteradas polas manipulacións da especie feitas polo ser humano, debido aos numerosos híbridos e mutantes producidos en piscifactorías e despois introducidos na natureza para a repoboación; pero empezouse a dispoñer de marcadores microsatélites a partir da década de 1990, que deberían permitir comprender mellor a especie.[20]

O xenoma mitocondrial da carpa foi secuenciado e publicado en 1994.[21]

En 2004 demostrouse a existencia de poboacións naturais xeneticamente máis ou menos adaptadas ou tolerantes ao frío.[22]

Manipulacións xenéticas:

  • Clonación : experimentouse coa xinoxénese con esta especie polo menos desde a década de 1980.[23]. Obtivéronse clons de femias homocigotas xinoxenéticas de carpa común por manipulación de ovos, que foron fecundados, expostos despois a un choque térmico a temperatura de 40 °C durante 2 min, 28-30 min despois da fecundación, despois "reactivados" por esperma destruído con raios ultraioleta durante a primeira metafase da mitose, dando lugar a un 5 a 15% de crías viables. Creáronse os híbridos F1 por cruzamento destas femias con machos homocigotos dunha irmandade xinoxenética. Os autores dos experimentos precisaron que: "A natureza clonal destas cepas foi demostrada de maneira inequívoca pola aceptación de aloenxertos de pel intercambiados reciprocamente"[24].
  • Poden obterse tamén carpas macho clonadas (androxénese) por manipulación de ovos por radiación ultravioleta e inactivación do xenoma feminino. Estes individuos androxénicos haploides teñen unha supervivencia elevada das larvas de 24 días despois da eclosión (78-89% da cifra inicial). Estes clons homocigotos son os utilizados para xerar as cepas isoxénicas.[25]
  • Producíronse experimentalmente carpas transxénicas desde a década de 1980 por inserción dun xene extraído da troita arco da vella, para producir carpas que crecen máis rápido, igual que crecen tamén máis rápido unha parte dos seus fillos cando estas carpas se cruzan con carpas "normais" (non transxénicas).[26]

A difusión na natureza de carpas manipuladas (para a repoboación, a comunicación entre cuncas fluviais a través de canles e augas de lastre etc.), igual que os transportes xeográficos a grandes distancias de cepas locais silvestres (ou non), poden interferir coa dinámica das poboacións das carpas silvestres, causando perda de diversidade específica ou funcional, polución xenética e risco de difusión de patóxenos, que encontran un contexto favorable na promiscuidade que prevalece nas piscifactorías de crianza.

Introdución noutros hábitats

Carpas reunidas preto dun peirao no lago Powell, Arizona
Carpas no río Maribyrnong, Australia

A carpa común foi introducida na maioría dos continentes e nuns 59 países. En ausencia de depredadores naturais ou de pesca comercial, estes peixes alteraron grandemente o seu medio ambiente debido á súa rápida reprodución e hábitos de alimentación de escaravellar nos sedimentos do fondo para procurar comida. Ao alimentarse poden destruír, desenraizar ou comer a vexetación mergullada, causando serios danos aos patos nativos, como os Aythya valisineria e ás poboacións de peixes.[27]

En Australia, por exemplo, causaron grandes daos e propuxéronse métodos especiais para erradicala. En Victoria, Australia, a carpa común foi declarada especie de peixe daniña, e cantidade que os pescadores poden pescar é ilimitada.[28] En Australia do Sur, é delito liberar esta especie na natureza.[29] Unha compañía australiana produce un fertilizante a partir da carne de carpa.[30] Os esforzos realizados para erradicar unha pequena colonia no lago Crescent de Tasmania sen usar produtos químicos foron exitosos. Fíxose a proposta, que foi cuestionada por razóns medioambientais, de utilizar contra elas o herpes virus do koi, que ten unha alta taxa de mortalidade. Outro método proposto en Australia foi a técnica desenvolvida por CSIRO para modificar xeneticamente a carpa de maneira que produza só crías macho, o que a erradicaría.

Outro exemplo de problemas creados pola súa introdución é o caso dos Estados Unidos. A carpa común tróuxose aos Estados Uidos en 1831.[31] No século XIX foi distribuída por moitas zonas do país polo goberno como un peixe para a alimentación, pero xa non é aprezada para a alimentación. A súa introdución tivo negativas consecuencias medioambientais,[32] e agora considérase xeralmente unha especie invasora. No lago Utah, Utah, espérase reducir a poboación de carpas nun 75% usando redes para capturar millóns delas e usalas como alimento ou para a produciónn de fertilizantes. Isto daralle ao peixe nativo Chasmistes liorus unha oportunidade de recuperar as súas poboacións en declive. Outro método é atrapalas nos afluentes nos que adoitan desovar con redes de cerco e expoñelas á rotenona. Este método reduce o seu impacto en 24 horas e incrementa moito a vexetación nativa e as especies ictícolas desexables. Isto tamén permite que as crías de carpa sexan doadamente depredadas polos peixes nativos.

Produción global en acuicultura de carpa común en toneladas desde 1950 a 2013

Na alimentación e pesca deportiva

Prato de carpa do lago Prespa
Carpa común capturada con mosca artificial

Cyprinus carpio é o principal peixe en acuicultura. As toneladas de carpa común producidas só na China, sen mencionar outros ciprínidos, superan o peso de todos os outros peixes producidos en acuicultura en todo o mundo, como a troita ou o salmón. Prodúcense anualmente aproximadamente tres millóns de toneladas. A China é con diferenza o maior produtor comercial, co 70% da produción de carpa.[17]

A carpa cómese en moitas partes do mundo. En Europa central, forma parte da cea tradicional de Nadal. A sopa de pescador húngara é unha sopa de carpa ou de carpa e outros peixes de río, que forma parte da cea de Nadal. Outra sopa con cabezas e vísceras de carpa céase en Nadal na República Checa ou en Eslovaquia, ou tamén carpa fritida ou cocida. En Europa occidental a carpa utilízase principalmente para a pesca deportiva, aínda que hai un pequeno mercado deste peixe como alimento.[33][34] A carpa mesturada con outros peixes úsase no prato peixe gefilte da cociña xudía.

A carpa común é moi popular entre os pescadores de cana en moitas partes de Europa.

Os antigos romanos cultivaban carpas en estanques, e este costume continuou nos mosteiros de Europa ata os nosos días. Na China, en Corea e no Xapón, o cultivo da carpa data do período Yayoi (c. 300 a.C. – 300 d.C.).[35]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Cyprinus carpio". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008. Consultado o 6 de abril de 2014. 
  2. Carpa (Cyprinus carpio). Consellería de medioambiente. Xunta de Galicia.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Fishbase: Cyprinus carpio carpio Linnaeus, 1758
  4. 4,0 4,1 4,2 Arkive: Common carp (Cyprinus carpio) Arquivado 01 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine.
  5. 5,0 5,1 5,2 Jian Feng Zhou, Qing Jiang Wu, Yu Zhen Ye & Jin Gou Tong (2003). Genetic divergence between Cyprinus carpio carpio and Cyprinus carpio haematopterus as assessed by mitochondrial DNA analysis, with emphasis on origin of European domestic carp Genetica 119: 93–97
  6. 6,0 6,1 6,2 Craig, J.F., eds. (2015). Freshwater Fisheries Ecology. p. 297. Wiley-Blackwell. ISBN 978-1-118-39442-7.
  7. Zhou, J., Wu, Q., Wang, Z. and Ye, Y. (2004). Molecular Phylogenetics of Three Subspecies of Common carp Cyprinus Carpio, based on sequence analysis of cytochrome b and control region of mtDNA. Journal of Zoological Systematics and Evolutionary Research 42(4): 266–269.
  8. Taylor, J., R. Mahon. 1977. Hybridization of Cyprinus carpio and Carassius auratus, the first two exotic species in the lower Laurentian Great Lakes. Environmental Biology Of Fishes 1(2):205-208.
  9. Photo of goldfish x common carp hybrid Arquivado 17 de outubro de 2007 en Wayback Machine. in Melton Hill Reservoir from the Tennessee Wildlife Resources Agency
  10. "Common Carp." Aliens Among Us. N.p., n.d. Web. 27 Oct. 2014. <http://alienspecies.royalbcmuseum.bc.ca/eng/species/common-carp Arquivado 05 de novembro de 2012 en Wayback Machine.>.
  11. "Balon, E. K. (2004). About the oldest domesticates among fishes. Journal of Fish Biology, 65 (Supplement A): 1–27. In Carp Fishing Science". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2010. Consultado o 22 de agosto de 2018. 
  12. "Aanvullend Archeologisch Onderzoek op terrein 9 te Houten-Loerik, gemeente Houten (U.)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  13. "Ray Jordan Koi History". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2009. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  14. Wilt, R.S. de; Emmerik W.A.M. (2008-01-31). "Kennisdocument Karper Sportvisserij Nederland". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2012. Consultado o 13 de decembro de 2011. 
  15. 15,0 15,1 Füllner G.; Pfeifer M.; Langner N. "Karpfenteichwirtschaft" (PDF). Sächsische Landesanstalt für Landwirtschaft. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de abril de 2012. Consultado o 13 de decembro de 2011. 
  16. "ghostcarplake.com". ghostcarplake.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2011. Consultado o 2011-12-03. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Food and Agriculture Organization Fisheries & Aquaculture: Cultured Aquatic Species Information Programme – Cyprinus carpio
  18. "Carp Fishing for carp fishing information". Carp-fishing.org. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2017. Consultado o 2011-12-03. 
  19. Cramp, S. (ed.). The Birds of the Western Palearctic volumes 1 (1977) & 2 (1980). OUP.
  20. Crooijmans, R. P. M. A., Van der Poel, J. J., Groenen, M. A. M., Bierbooms, V. A. F., & Komen, J. (1997). Microsatellite markers in common carp (Cyprinus carpio L.) Arquivado 04 de maio de 2016 en Wayback Machine.. Animal Genetics, 28(2), 129-134 (resumo).
  21. Chang, Y. S., Huang, F. L., & Lo, T. B. (1994). The complete nucleotide sequence and gene organization of carp (Cyprinus carpio) mitochondrial genome Arquivado 09 de novembro de 2014 en Wayback Machine.. Journal of Molecular Evolution, 38(2), 138-155.
  22. Sun, X., & Liang, L. (2004) A genetic linkage map of common carp (Cyprinus carpio L.) And mapping of a locus associated with cold tolerance Arquivado 01 de marzo de 2017 en Wayback Machine.. Aquaculture, 238(1), 165-172.
  23. J. Komen, J. Duynhouwer, C.J.J. Richter, E.A. Huisman (1988) Gynogenesis in common carp (Cyprinus carpio L.) : I. Effects of genetic manipulation of sexual products and incubation conditions of eggs (resumo). Dans Aquaculture, Volume 69, Issues 3–4, 15 de abril de 1988, páxinas 227–239.
  24. Komen, J., Bongers, A. B. J., Richter, C. J. J., Van Muiswinkel, W. B., & Huisman, E. A. (1991). Gynogenesis in common carp ( Cyprinus carpio L.): II. The production of homozygous gynogenetic clones and F1 hybrids (resumo). Aquaculture, 92, 127-142.
  25. Bongers, A.B.J., in't Veld, E.P.C., Abo-Hashema, K., Bremmer, I.M., Eding, E.H., Komen, J., Richter, C.J.J. (1994). Androgenesis in common carp (Cyprinus carpio L.) using UV irradiation in a synthetic ovarian fluid and heat shocks (resumo). Aquaculture, Volume 122, Issues 2–3, 1 de maio de 1994, páxinas 119–132.
  26. Zhang, P., Hayat, M., Joyce, C., Gonzalez‐Villaseñor, L. I., Lin, C. M., Dunham, R. A.... & Powers, D. A. (1990). Gene transfer, expression and inheritance of PRSV‐rainbow trout‐GH cDNA in the common carp, Cyprinus carpio (Linnaeus) (resumo) Arquivado 01 de marzo de 2017 en Wayback Machine.. Molecular reproduction and development, 25(1), 3-13
  27. "Welcome to". Lakeconservation.com. 2010-01-15. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2013. Consultado o 2011-12-03. 
  28. Victorian Recreational Fishing Guide 2006-2007
  29. "fishsa.com". Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2013. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  30. "carp as fertilizer". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2007. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  31. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2010. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  32. "USGS Nonindigenous Aquatic Species Program". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2009. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  33. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2011. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  34. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2015. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  35. Daily Yomiuri newspaper, 19 de setembro de 2008

Véxase tamén

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!