María del Carmen Rodríguez Dacosta, nada en 1969 en Ourense, é unha avogada e política galega do PSdeG-PSOE.
Licenciada en dereito e Técnica de Riscos Laborais. Foi formadora en cursos de administración, xestión, documentación de empresas e outros entre 1994 e 1995. Dende 1996 é asesora xurídica da UXT.
Foi delegada da Consellería de Traballo na provincia de Ourense durante o goberno bipartito na Xunta de Galicia (2005-2009). Foi concelleira non electa de Persoal e Recursos Humanos no concello de Ourense dende 2009 ata 2013, ostentando a mesma responsabilidade con categoría de Directora Xeral dende 2013 ata 2015. Nas eleccións municipais de 2015 concorreu como número 2 da candidatura do PSdeG-PSOE en Ourense e foi elixida concelleira, cargo que ostentou ata as seguintes eleccións de 2019. Paralelamente foi Secretaria Xeral da Agrupación Local do PSdeG en Ourense (2012-2018).
En xullo de 2019 tomou posesión como deputada no Parlamento de Galicia en substitución do falecido Raúl Fernández. Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 revalidou a súa acta de deputada. Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 foi cabeza de lista do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense, revalidando novamente a súa acta parlamentaria.[1]
Está casada co tamén dirixente socialista Ramón Alonso López, alcalde de Entrimo, co que ten 2 fillas.