Carlos Franco Iribarnegaray, nado en Ferrol o 30 de agosto de 1912 e finado en Madrid o 11 de decembro de 1982[1], foi un militar e político galego.
En 1929 ingresou na Academia Xeral Militar de Zaragoza, e en 1931 na Academia de Artillaría de Segovia. Tras licenciarse como tenente en xullo de 1933 foi destinado ao rexemento de Artillaría de Costa n.º 2 (Ferrol), na 1.ª batería. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 uniuse ás tropas sublevadas. En outubro de 1937, como capitán, tomou o mando dunha batería antiaérea.
Pasou a Aviación, e entre 1945 e 1947 foi alumno da Escola de Estado Maior do Exército do Aire, como comandante. Ampliou estudos coas Forzas Aéreas dos Estados Unidos, nos Estudos Superiores da Defensa Nacional e na Escola de Altos Estudos Militares. Foi profesor da Academia do Aire de León, xefe dos Servizos Aéreos da base de Rota e profesor da Escola Superior do Exército (1965). En 1966 foi nomeado director deste centro, e posteriormente director da Escola Superior do Aire. Xa como xeneral de división ascendeu a director xeral de Aviación Civil, pasando máis tarde á xefatura da Ala 37. Como tenente xeneral foi ascendido a xefe da zona aérea das Canarias e da III Rexión Aérea.
Foi procurador en Cortes durante a X lexislatura (1971-1976). O 12 de novembro de 1975 foi nomeado ministro do Aire de España, cargo que ocupou até o 4 de xullo de 1977, cando o seu departamento se integrou no Ministerio de Defensa.
Foi presidente do Padroado do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial Esteban Terradas e da Comisión Nacional de Investigación do Espazo.
En 1977 recibiu a Gran Cruz da Orde de Carlos III.