O cangrexo real [1][2][3][4] (Chaceon affinis) é unha especie de crustáceo decápodo braquiúro da familia dos xeriónidos.
Taxonomía
A especie foi definida en 1894 por Alphonse Milne-Edwards e Eugène Louis Bouvier, co nome de Gerypon affinis.[5]
Durante moito tempo coñeceuse polo seu sinónimo Geryon affinis,[6] até que hai pouco foi reclasificada dentro do xénero Chaceon.
Hábitat e distribución
O cangrexo real é unha especie de profundidade, entre os 400 e os 2000 m de profundidade, e sobre todo tipo de substratos,[4] que habita nas costas do Atlántico oriental, desde Islandia até o oeste de África, incluíndo as illas Azores, Madeira, Canarias e Cabo Verde, até Suráfrica, e na coata leste de Norteamérica, nas do océano Índico e nas de Australia.[6][7][8]
Características
As principais características morfolóxicas do cangrexo real son:[7]
- Casca de forma hexagonal, máis larga que longa, de entre 13 a 15 cm de anchura, nos machos.
- Marxes anterolaterais do cacho con cinco dentes pouco desenvolvidos.
- Marxes posterolaterais longas, case rectas e converxentes.
- Rexión frontal con dous dentes ou lóbulos estreitos.
- As anténulas repréganse transveralmente oblicuas.
- O artello basal daa antenas é máis longo que largo.
- Os quelípodos son moderadamente grosos, e algo desiguais.
- Os pereiópdos do 2º ao 5º par son longos e moderadamente delgados, sendo os do 3º e o 4º loxeiramente máis longos que o resto.
- O abdome presenta todos os segmentos libres en amos os dous sexos.
- O primeiro pleópodo do macho é robusto e curto, coa punta curvada cara a fóra.; a parte basal é ancha e vai estreitándose gradualmente.
En Galicia
En Galicia encóntrase en abundancia no banco de Galicia, a 100 millas de Fisterra, onde se apañaron exemplares de tamaños que oscilaban entre os 9 e os 19 cm de anchura do cacho, e que foron capturados a uns 700 m de profundidade con nasas e accidentalmente con palangre.[7]
Segundo o investigador Germán Pérez-Gándaras Pedrosa, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, esta especie podería ser potencialmente explotábel, cara á súa comercialización para o consumo.[7]
De feito, a partir do ano 1999 as súas capturas son significativas. Para pescalo hai barcos especialmente preparados con nasas específicas de maior tamaño que as habituais. Ocasionalmente encallan nas raeiras.[4]
O tamaño mínimo permitido para a súa captura é de 10 cm.[4]
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cangrexo.
- ↑ VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 65. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
- ↑ Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 208.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Cangrexo real Chaceon affinis Arquivado 21 de agosto de 2014 en Wayback Machine. en confrariasgalicia.org
- ↑ Geryon affinis A. Milne-Edwards & Bouvier, 1894 no WoRMS.
- ↑ 6,0 6,1 Chaceon affinis (A. Milne-Edwards & Bouvier, 1894) no WoRMS
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), p. 129. (Citado como Geryon affinis)
- ↑ Manning, R. B. & Holthuis, L. B. (1981): West Africa Brachyuran Crabs (Crustacea: Decapoda) Arquivado 10 de xullo de 2019 en Wayback Machine.. Smithsonian Contributions to Zoology, Nº 306. Washington, USA; Smithsonian Institution Press.
Véxase tamén
Bibliografía
- González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
- Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Türkay, M. (2001): "Decapoda", en: Costello, M. J. et al., eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50. ISBN 2-85653-538-0.
Outros artigos
Ligazóns externas