O Campo de Don Mendo foi un campo de fútbol de Santiago de Compostela, no que xogaba os seus partidos como local o Santiago Sporting Club, ata que cedeu a súa propiedade en 1928 á Universidade de Santiago para a construción da actual Residencia de Estudantes.
Historia
A intención de dispoñer dun campo de fútbol de seu formou parte do proxecto do Santiago Sporting Club dende a súa fundación en 1911, pero non comezou a tomar forma ata a refundación do equipo como club profesional en 1919.[3]
En xullo dese ano, o club tiña moi avanzadas as xestións para a adquisición dun terreo deportivo nas inmediacións da Carballeira de San Lourenzo.[4] A transacción completouse ao ano seguinte,[5] grazas a unha achega de capital do novo consello de administración e a unha subvención do Concello de Santiago para pagar parte das obras de construción do estadio,[6] que comezaron o 27 de agosto e concluíron o 20 de novembro cos últimos detalles do partido inaugural.[7][8]
O Campo de Don Mendo estaba situado nos antigos terreos do Val de Don Mendo, do que toma o nome, detrás da antiga praza de touros de Santiago, baixo o Paseo da Ferradura. A situación do novo estadio, moi preto do centro histórico, alimentou o interese polo fútbol na cidade facilitando considerablemente a afluencia de afeccionados, que ata entón tiñan que desprazarse ata o Campo de Santa Isabel, na parroquia de Vista Alegre, para ver un partido.[9]
O recinto tiña bancadas de madeira con capacidade para mil persoas arredor dun campo de terra regulamentario de 100 x 60 metros. A súa inauguración tivo lugar o 21 de novembro de 1920 cun partido amigable entre o Real Club Fortuna de Vigo e o Athletic de Pontevedra, dous dos mellores equipos galegos da época, que rematou cunha vitoria por 4-1 a favor dos vigueses.[10]
Competicións
Entre a súa inauguración e finais de 1922, serviu como campo local do Santiago Sporting nos seus encontros do Campionato de Galicia, o Campionato de Compostela e a Copa do Apóstolo. Outros equipos locais alugaron as súas instalacións durante ese período e nos anos seguintes debido ás vantaxes que tiña sobre o Campo de Santa Isabel, converténdose pronto no primeiro campo da cidade e no lugar preferido polo Concello para celebrar calquera evento deportivo.[11]
Desaparición
O declive do fútbol compostelán na segunda metade da década de 1920 e o proxecto de construción da Residencia de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela no espazo ocupado polo Campo de Don Mendo, a praza de touros e outros terreos veciños ata a Carballeira de San Lourenzo, convenceron aos propietarios para doar os terreos á Universidade a través da Liga de Amigos de Santiago, coa condición de que se construíse un novo estadio de fútbol no campus.[12]
Coa colocación da primeira pedra da Residencia o Día do Apóstolo de 1928, púxose un final simbólico á breve existencia de Don Mendo,[13][14]
Notas