O título foi gañado por España, que derrotou na final a Grecia por 70-47, sendo para ámbalas dúas seleccións as primeiras medallas nun mundial. A medalla de bronce foi gañada por Estados Unidos tras derrotar a Arxentina na final de consolación por 96-81.
Este campionato do mundo disputouse dous meses despois da Copa do Mundo de fútbol de Alemaña, que tivo un seguimento popular moi importante. Foi no Xapón, un país pouco desenvolvido no mundo baloncestístico, pero que desexa que isto non siga sendo así, como demostra a BJ-League, a súa liga de recente creación. Esta mundial pretende ter un efecto similar ó que tivo a Copa do Mundo de fútbol de 2002 en Corea e o Xapón.
Nos Balcáns, en xuño de 2006Montenegro declarou a súa independencia, polo que este campionato era o derradeiro no que o equipo serbomontenegrino ía participar, xa que despois desfíxose en dúas entidades distintas. É importante sinalar que neste mundial a selección de Serbia e Montenegro aínda contaba con xogadores montenegrinos, a pesar que que o logo presente nas camisetas do equipo deixara de se-lo da federación de baloncesto de Serbia e Montenegro para pasar a se-lo escudo de Serbia, aínda que a denominación SCG (de Srbija i Crna Gora) mantívose.
Arxentina tiña que confirmar que era nese momento a mellor selección do mundo despois da súa medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 2004 sabendo xa que era unha das derradeiras oportunidades de facelo, xa que o relevo xeracional estaba ás portas[2]. Xusto na situación contraria atopábase a selección de Serbia e Montenegro, que presentaba un equipo cunha media de idade reducida, e cheo do que probabelmente serán futuros NBA, pero que fixo unha actuación desastrosa no Eurobasket 2005 na casa.
Grecia tiña que confirmar o seu status de campión de Europa cun xogo radicalmente diferente ó de seleccións como a alemá ou a francesa, que tamén amosaron ter unha grande ambición, e que estaban encabezadas por xogadores NBA como Dirk Nowitzky ou Boris Diaw.
Sexa como fora, as lesións de último minuto trocarían lixeiramente os cadros de xogadores antes do inicio do Mundial, destacando as ausencias de Tony Parker (Francia - fractura[3]), de Gilbert Arenas (Estados Unidos - problemas físicos[4]) e de Boniface N’Dong (Senegal - lesión[5]).
Sobre o campionato
As mascotas nun dos descansos.
As mascotas
BAD BADTZ-MARU, un pingüino que odia perder, foi elixido como mascota deste campionato. El e a súa pandilla son os personaxes dunha serie de debuxos animados de moito éxito no Xapón. Isto foi posíbel grazas a un acordo entre a propia FIBA e a produtora Sanrio Co., Ltd. & Sanrio Far East Company, Ltd..[6]
As animadoras
Os equipos de animadoras encargadas de anima-los descansos e tempos mortos dos partidos disputados en Saitama foron as Red Foxes, de Rusia, e as Euro Dancers, de Lituania aínda que animan nos partidos na casa do CSKA de Moscova.
Os patrocinadores
Seis patrocinadores norteamericanos e europeos son propios da FIBA, mentres que outros oito son propios da competición en si, que son case todos de países asiáticos, maioritariamente do Xapón.
Os autocolantes e o lema
O lema ilustra a situación das forzas presentes, fai tempo inmersas nunhas épocas de dominación do mundial por diferentes seleccións (URSS, Iugoslavia ou EEUU) que agora están superadas. O lema di: One world, one title, que traducido ó galego significa Un mundo, un título.
O autocolante mostra uns xogadores de baloncesto practicando o desporte no Monte Fuji, aparecendo en primeiro plano un loitador de sumo con actitude agresiva, suxeitando nunha man un dos balóns oficiais do torneo. A parte inferior do autocolante imita ós das grandes producións cinematográficas presentando unha pequena lista de xogadores ó estilo das presentación dos actores e actrices nos autocolantes das películas[7].
Cobertura televisiva
Esta competición foi televisada na meirande parte dos países, aínda que non sempre fora nas televisións públicas. En España, por exemplo, foi retransmitida por unha cadena de nova creación que aínda non tiña cobertura en todo o territorio, laSexta[8], sendo os principáis comentaristas Andrés Montes, Juanma Iturriaga e Juan Domingo de la Cruz. En Estados Unidos, onde a xente non estivo moi interesada nesta competición, foi a ESPN quen emitiu os partidos da selección americana e uns poucos máis.
A campaña Clean Game
De acordo co Comité Olímpico Internacional e coa Axencia Mundial Antidopaxe, a FIBA quiso proporcionarlle a este torneo o espírito da loita contra o dopaxe no deporte coa campaña Clean Game (Xogo Limpo na súa tradución ó galego). Dándolle un aspecto máis oficial que as precedentes intervencións neste asunto, a campaña foi asociada a un logo[9] para así consolida-la imaxe e importancia da campaña entre os afeccionados ó baloncesto. Algúns xogadores (en concreto ós xogadores angoleños no partido Francia - Angola) incluso colgaron unha camiseta laranxa co logo co obxectivo de amosar ós ollos do mundo a importancia deste movemento.
Para o campionato estaban clasificados de forma automática Xapón e Arxentina, actual campión olímpico.
No proceso de cualificación para o Campionato mundial de baloncesto inscribíronse 56 seleccións (12 de África, 10 de América, 16 de Asia, 16 de Europa e 2 de Oceanía).
Cada zona continental realizou as súas eliminatorias:
FIBA África - 3 representantes, cualificacións do 15 ó 24 de agosto de 2005 en Alxeria.
Na Rolda Preliminar divídense as 24 seleccións cualificadas en 4 grupos de 6 equipos, onde xogarán todos contra todos. Ó remate das cinco datas os primeiros catro equipos clasificados acadarán a Rolda Final.
Na Segunda Rolda serán eliminatorias a un só partido, acadando a seguinte rolda o equipo que consiga a vitoria, ata obte-lo campión do torneo.
Os equipo eliminados nos Cuartos de Final disputarán a Rolda de Cualificación para defini-la súa posición final no torneo.
Os cadros de xogadores dos 24 países participantes inclúen en total 288 xogadores.
Árbitros
Para o Campionato Mundial, a FIBA elixiu 40 árbitros profesionáis.
Aibara, Nobuyasu
Ankarali, Recep
Arteaga, Juan
Avanessian, Heros
Aylen, Michael
Bachar, Shmuel
Belosević, Ilija
Brazauskas, Romualdas
Butler, Scott Jason
Carrión, José Aníbal
Cerebuch, Guerrino
Chiti, Alejandro César
Chlif, Abdellilah
Delgado Casadiego, Daniel Alfredo
Dovidavicius, Virginijus
Estévez, Pablo Alberto
Facchini, Fabio
Hirahara, Yuji
Homsy, Mike Amir
Jovčić, Milivoje
Jungebrand, Carl
Maranho, Cristiano Jesus
Martín , José
Mercedes Sánchez, Reynaldo Antonio
Miyatake, Yosuke
Moore, Terry Matthew
Muhimua Joao, Abreu
Muhvić, Dubravko
Noujaim, Rabah
Pukl, Saša
Rush, Eddie Fernanzo
Ryzhyk, Borys
Simao, Domingos Francisco
Sudek, Petr
Trías Iglesias, Álvaro Darío
Vázquez, Jorge
Viator, Eddie
Voreadis, Lazaros
Yang, Maogong
Zavlanos, Nikolaos
Rolda preliminar
Este campionato do mundo arrancou coa derrota lóxica do país anfitrión, Xapón, contra Alemaña, e cunha nova extradeportiva, o anuncio da suspensión por tres partidos do xogador neozelandésMark Dickel, despois de dar positivo nun control antidopaxe por consumo de marihuana[10].
A primeira rolda do campionato caracterizouse principalmente pola igualdade presente na maior parte dos grupos, motivada polas grandes sorpresas que seleccións como Líbano (non espérábase dela ningunha vitoria e gañoulle a Francia dun punto e a Venezuela, loitando pola clasificación a oitavos de final ata a derradeira xornada e quedándose fóra por perder contra os seus rivais directos na táboa de cualificacións), e Nixeria no grupo A (gañoulle a Serbia e Montenegro na primeira xornada e acadou o pase coma terceira de grupo por enriba desta selección), ou Angola no grupo B (que conseguiu pasar coma terceira de grupo trala súa derrota contra a Alemaña de Dirk Nowitzky tras tres tempos extras no mellor partido visto na rolda preliminar).
Nesta rolda previa destaca tamén o pouco acerto xeral que as seleccións tiveron dende a liña de tiros libres, tendo tódalas selección porcentaxes baixos, sendo o da China o mellor cun 81.5%. Nas outras estatísticas de equipo, a selección estadounidense álzase co título de máximo anotador con 108.6 puntos por partido. En tiros de dous puntos a mellor porcentaxe é a de España, cun 59.9%, en triplas é de Porto Rico cun asombroso 51.0%.
No que a estatísticas individuais se refire, Yao Ming foi o máximo anotador da rolda preliminar con 28.4 puntos por partido.
Os mellores equipos da rolda preliminar foron a Arxentina, Grecia, España e os Estados Unidos, únicos equipos invictos, e os peores foron Qatar, o Senegal e Panamá, que non lograron inaugura-lo seu palmarés de vitorias.
A selección española celebrando o título na cancha.
Nos oitavos de final a lóxica impúxose tendo en conta as actuacións na primeira rolda, exceptuando no partido que enfrontou a Italia contra Lituania, onde a primeira foi eliminada nos derradeiros segundos do encontro (cun gran número de tiros libres lanzados, pero só por tres xogadores diferentes entre ámbalas dúas seleccións).
Nos cuartos de final non houbo esta vez ningunha sorpresa, os catro equipos invictos conseguiron pasar á seguinte eliminatoria. Puido verse xa unha clara separación entre os catro equipos que logo acadarían as semifinais e os outros competidores que tamén tiñan un bo nivel, pero non o suficiente como para poder poñer en apuros ós «cabezas de serie».
Nas semifinais produciuse unha especie de mostra de superioridade de Europa por enriba de América. Grecia deu a primeira sorpresa da xornada ó eliminar o equipo estadounidense, mentres que España eliminaba a Arxentina, anteriores subcampións mundiais e campións olímpicos, nos derradeiros segundo do encontro grazas a un tiro libre de Jose Calderón, que non foi replicado na tripla que lanzou Manu Ginóbili sobre a bucina. A final entre España e Grecia era inédita nun Mundobasket. Sen Pau Gasol, mancado no nocello[11], a selección española comezou o partido dunha maneira fulgurante, deixando rapidamente atrás no marcador á selección grega, que atopábase perdida sen os seus lanzamentos exteriores. No parecía posíbel parar á España, que dominaba tódolos aspectos do xogo, sendo Jorge Garbajosa o seu líder ofensivo. Os gregos, quizais cansados polo seu esforzo nas semifinais, non puideron máis que asistir impotentes á coroación dos españois como novos campións do mundo. Foron recibidos a noite mesma da chegada a España, na Praza de Castela da propia capital, Madrid[12]
É a primeira vez que ámbolos dous finalistas chegaban a ese estado do campionato. Pero máis aló diso, o resultado do continente europeo foi moi bo: dous finalistas, seis seleccións de oito nos cuartos de final, unha moi boa impresión técnica e táctica... que incluso suscitou a admiración do adestrador estadounidense. Admiración reforzada polo feito de que só un dos finalistas xogaba na NBA, Jose Manuel Calderón.
Unha xogada no Alemaña-Lituania.
Sen o seu mellor xogador, Pau Gasol, España viu o triunfo do seu fabuloso equipo júnior de 1999, a chamada Generación de Oro (Xeración de Ouro en galego): Pau Gasol, Felipe Reyes, Juan Carlos Navarro, José Manuel Calderón, Berni Rodríguez). Trala súa demostración ofensiva contra a selección estadounidense, Grecia e o seu lendario adestrador Panayiótis Giannákis non puido sobrepoñerse á defensa española (31% de posesión). Os estadounidenses e os arxentinos intentaron chegar ós niveis destes dous equipos, facendo así que a opinión xeral fora que ás semifinais chegaron os catro mellores equipos. E é que os arxentinos non foron os que perderon, senón que os españois foron os que acadaron a final nos derradeiros segundos, provocando así a súa inesperada ausencia do podio final. Coa retirada da maioría dos xogadores maiores de trinta anos da selección, o futuro da Albiceleste semella peor. Os Estados Unidos gañaron unha nova medalla, mellorando así o resultado do Mundial de Indianápolis, no que remataron no sexto lugar. O plan de traballo da selección estadounidense está enfocado ós Xogos Olímpicos de 2008 tendo nesta medalla de bronce un bo impulso.
En cabeza das restantes selección rematou Francia, a pesar da ausencia de Tony Parker. Entre os equipos máis mozos da competición, e con moitas esperanzas postas neles, atópanse Turquía (6º) ou Lituania (7º); e incluso Italia (9º), que contou con Marco Belinelli, ou Serbia e Montenegro (11º) teñen ambicións similares con respecto o vindeiro relevo xeracional. Dirk Nowitzki semellou que non liderou todo o que realmente podía á selección alemá (8º), sobre todo nos momentos decisivos.[14].
Para terminar, a arbitraxe non deu para polémicas, o que tamén semella confirmar o progreso do baloncesto FIBA. O público asistente ós partidos comportouse perfectamente, en parte influído pola timidez dos xaponees á hora de animar. Ademais, o interese global dos medios, exceptuando nos Estados Unidos tamén semella aumentar, xa que a web oficial da FIBA, fiba.comArquivado 04 de novembro de 1996 en Wayback Machine., tivo a mellor progesión na clasificación Alexa do momento.[15].
Os xornais españois, malia que a ACB ocupaba un importante lugar nas súas novas, estaban acostumados ós titulares de tema futbolístico, mais fixeron sitio nas súas portadas para o éxito da selección española recollendo, entre outras cousas, a felicitación que o Rei de España lles deu, na que os calificou como "heroes"[18].