A Big Band do Conservatorio da Carballo é unha big band, ou orquestra de jazz, creada en 1993 na localidade de Carballo, Galiza. Dirixida nos seus inicios por Marcial Figueroa Rodríguez, a Big Band do Conservatorio de Carballo está integrada polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, se ben nos seus inicios tivo que incorporar a persoas que non tiñan relación co conservatorio.[1][2] Logo da xubilación de Marcial Figueroa fíxose cargo da dirección da agrupación Miguel Suárez, impulsor da agrupación e director do conservatorio carballés durante 23 anos.[3]
A base do repertorio da agrupación é a música das décadas de 1940 e 1950, predominantemente o jazz e o swing, así como música latina ou temas da música popular galega e española.[1][2]
En 1999 a Big Band do Conservatorio de Carballo gravou o seu primeiro disco na Casa da Xuventude de Carballo con temas de Jerry Gray, Ernesto Lecuona, Cesáreo Alonso ou Rossini.[1] Ten tocado en distintos lugares da xeografía galega e protagonizado intervencións televisivas como a súa aparición no programa Luar da TVG.[2]